Imprimir

O PSdeG quere que se forme goberno no Estado

Redacción | 21 de agosto de 2019

Gonzalo Caballero (con xersei azul) nun comité executivo nacional do PSdeG. Foto: PSdeG.
Gonzalo Caballero (con xersei azul) nun comité executivo nacional do PSdeG. Foto: PSdeG.
A dilación da formación de goberno no Estado e a actitude máis ben pasiva do núcleo de Pedro Sánchez achega a pantasma da repetición electoral. Porén, a marca galega do PSOE prefire que iso non suceda. “A vocación do noso partido é que haxa goberno”, afirmou esta cuarta feira o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero.

Caballero asegurou que aínda hai tempo para que as “forzas progresistas” do Estado -en referencia a PSOE e Podemos- cheguen a un acordo: “Aínda hai un tempo nas vindeiras semanas”. Criticou ademais ás dereitas por non facilitar o Goberno de Sánchez.

O líder do PSdeG tamén se referiu á situación en Galiza. Rexeitou as acusacións de conivencia co PP derivadas do acordo orzamentario no pleno de Santiago de Compostela e manifestou que “todas as forzas progresistas saben que o prioritario é un cambio” na Xunta. Segundo a súa versión, ese cambio existirá “liderado polo PSdeG con todas as forzas que entenden que hai que pasar páxina da etapa de Feixoo”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/psdeg-quere-forme-goberno-estado/20190821160811083276.html


© 2019 Sermos Galiza