Imprimir

Quen é quen nas candidaturas das mareas e En Común nas municipais?

A. Mera | 24 de Abril de 2019

Os alcaldes Ferreiro, Noriega e Suárez. Este último competirá contra outras dúas mareas.
Os alcaldes Ferreiro, Noriega e Suárez. Este último competirá contra outras dúas mareas.

Agás en casos como os da Coruña, Santiago ou Vigo, o espazo anteriormente nucleado ao redor das mareas municipais presentarase fragmentado ás eleccións de maio. Haberá un mosaico de mareas que, tras non conseguir acordos, competirán entre elas nas urnas.

As anteriores eleccións municipais deron varias alcaldías e representación en distintos puntos do país ao denominado espazo de unidade das mareas municipalistas, que baixo distintos nomes, concorreu ás urnas con acordos previos entre Esquerda Unida e Anova e cun Podemos que, a pesar de non presentarse, apoiara expresamente esas listas.

 

Desta volta as mareas municipalistas concorrerán fragmentadas e competindo entre elas en distintas localidades. O BOP publicado na cuarta feira recolle listas nadas do antigo espazo das mareas. A ausencia de acordos amosa que moitos concellos de Galiza contan con opcións electorais deste espazo enfrontadas entre elas, froito das discrepancias entre o sector nucleado ao redor de Luís Villares, portavoz do partido, e o conformado ao redor de Podemos-Anova-Esquerda Unida.

 

Rivalidade até en catro cidades

 

Agás na Coruña, Compostela e Vigo, o resto das cidades terá dúas e mesmo tres candidaturas rivais nadas da antiga confluencia.


En Ferrol naceron tres formacións: a que continúa co alcalde Jorge Suárez optando á reelección por Ferrol en Común-Son en Común, a da Marea de Ferrol (co apoio de Villares) e Actúa (formada por persoas que se escindiron de Podemos).

 

En Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra haberá dúas e mesmo tres candidaturas rivais nadas da antiga confluencia.

 

En Ourense preséntanse tres candidaturas deste espazo: a de Podemos, a de Ourense en Común (impulsada por David Bruzos, próximo a Podemos e candidato á portavocía de En Marea nas eleccións primarias) e a candidatura Ourense Mellor (apoiada polo sector oficialista de Marea).

 

En Lugo competirán Alternativa Cidadá de Esquerdas (Esquerda Unida-Equo), Podemos en solitario e Lugo Novo (co respaldo do grupo de Luís Villares). Ningunha delas conta con implicación de Anova, segundo informan a Sermos Galiza fontes desta organización política.

 

A cidade do Lérez conta coa Marea de Pontevedra (afín a Villares) e coa lista Podemos-Esquerda Unida-Son En Común (sen Anova).

 

Son En Común presenta 35 candidaturas

 

A alianza de EU, Podemos e Anova leva por nome ás municipais Son En Común, e aínda que cada candidatura ten unha denominación diferente, a maioría fan referencia a este termo. Así, hai 35 listas que van baixo ese “paraugas instrumental”, segundo informaron a Sermos Galiza fontes dos tres partidos que as promoven.

 

Estes concellos son: Vigo (Marea de Vigo-Son en Común), Ferrol (Ferrol en Común-Son en Común), Pontevedra (Podemos-EU-Son en Común), Boborás, Cospeito, Coristanco, Vilalba, Narón, Cambre (EU-Son en Común), Baiona (UP-Son en Común), As Pontes, Caldas, Lobios, Barbadás, Redondela, Ponteareas, Bergondo, Val do Dubra, Mos, Bembrive, Nigrán, Carballiño, Abegondo, Ares, Ponteceso, Viveiro, Mugardos, Oroso, Carballo, Beariz, Cangas, Porriño, Gondomar, Sarria, Sanxenxo e Arteixo.

 

Podemos preséntase en solitario en Lugo, Betanzos, Marín, Ourense e Ames

 

A maiores, Podemos preséntase en solitario en Lugo, Betanzos, Marín, Ourense e Ames. Pola súa banda, Esquerda Unida tamén vai soa en Fene e O Grove. En Lugo vai con Equo (co nome de Alternativa Cidadá de Esquerdas-EU-Equo) en competencia con Podemos e Lugo Novo. Anova non se presenta en solitario en ningún concello.

 

Fontes de En Marea sinalan que o espazo político liderado por Villares avala case un cento de candidaturas que concorrerán baixo o paraugas de Mareas Locais, como os casos de Somos Cambados-Mareas Locais, fórmula que se repite en Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova, A Cañiza ou Ponteareas.

 

Existen candidaturas que “por falla de tempo para ser rexistradas como forzas políticas no Ministerio de Interior” van coa denominación En Marea, como ocorre con En Marea Tui, En Marea A Guarda ou En Marea Cambre, informan a Sermos Galiza fontes próximas a Villares.

 

Tamén contabilizan desde En Marea como candidaturas afíns as presentadas nas comarcas de Terra de Lemos, Chantada e Quiroga coa denominación Por un Interior Galego Vivo e aí están Esperta Monforte, Agroma Sober, Courel Vivo e Por Chantada-CUP.

 

Na comarca do Val Miñor as candidaturas de Baiona, Nigrán e Gondomar agrúpanse baixo a denominación común de Manifesto Miñor, co apoio tamén de En Marea.

 

Desde a formación de Villares contan nese case cento de candidaturas listaxes como a de Compostela Aberta, Marea Atlántica, Marea de Vigo, Cangas (Avante Cangas, anteriormente ASPUN e en competencia coa de Son En Común), Gañemos Vilanova, Betanzos Novo, Somos Cambados ou Ames Novo.

 

Troque de alianzas en Vilagarcía

 

En Vilagarcía cambian as alianzas, pois Podemos e Anova conflúen en Marea da Vila, fronte á organización de Villares e Esquerda Unida, que van baixo a denominación Vilagarcía en Común.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/quen-quen-nas-candidaturas-das-mareas-comun-nas-municipais/20190424152003078539.html


© 2019 Sermos Galiza