Imprimir

querENDO levará a endometriose ás prazas de abasto

O.R. | 09 de marzo de 2015

A asociación de mulleres con endometriose desenvolverá actos o 28 de marzo nas prazas de abasto para concienciar sobre esta doenza. 

 

Marzo é o mes da endometriose. Neste senso, desde a asociación querENDO están a artellar actividades para visibilizar esta enfermidade que atinxe 14 millóns de europeas. 

O vindeiro día 28 visitarán as prazas de abastos do país para dar a coñecer a doenza. Até o momento teñen confirmados o mercado de Compostela e o do Calvario, en Vigo, mais agardan ir concretando máis lugares a medida que se aproxime a data, explican desde o colectivo en conversa con Sermos Galiza. Aliás, esta cuarta feira (11 de marzo) reuniranse con representantes dos grupos parlamentares do BNG e PSdeG-PSOE para levar á Cámara lexislativa "o debate" arredor da endometriose. 

querENDO solicitará ás forzas parlamentares que eleven á Comisión de sanidade as súas reivindicacións

O obxectivo de querENDO é que as forzas políticas leven á Comisión de sanidade as súas reivindicacións. Entre elas, "coñecer de primeira man cal é o calendario que manexa a consellería para implantar na sanidade pública as medidas que o Sistema Nacional de Saúde recolleu na Guía de atención ás mulleres con endometriose", sinalaron na carta remitida a todas as forzas con representación. 

Desde a aprobación deste documento por parte do Ministerio de Sanidade "non está a cumprirse en ningún dos 14 hospitais públicos con servizo de Xinecoloxía e Obstetricia" de Galiza, denuncian. Aliás, no noso país non existe un protocolo de derivación e só unha unidade especializada situada en Vigo. 

Un mes sen noticias da Xunta

Todas estas razóns levaron a asociación galega de mulleres con endometriose, querENDO, a solicitar unha xuntanza coa Consellaría de Sanidade hai máis dun mes. Até o momento non recibiron resposta. "Parécenos moito tempo", di Carme Varela, tesoureira de querENDO e doente de endometriose quen lamenta non teren recibido "nen sequera unha reposta" de algunha persoa da consellaría ou do Sergas. Así as cousas, din, "seguiremos pelexando para termos ese contacto" e instar @s representantes pú[email protected] a "escoitar" as doentes e @s profesionais. 

Entrementres, non deixarán de traballar a prol dunha maior visibilización da doenza e mesmo viaxarán até Madrid para participar nas actividades que se están a organizar a nivel estatal. Entre elas, unha marcha e actos que reunirán @s [email protected] das unidades especializadas de Catalunya, Estremadura e Aragón, entre outros lugares. 

Marzo, di Carme Varela, "servirá para darnos a coñecer e continuar cos contactos iniciados" ao longo dos 3 meses de vida da asociación. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/querendo-levara-endometriose-prazas-abasto/20150309180918035650.html


© 2019 Sermos Galiza