Imprimir

Querida Begoña Conde de VOX Orense (sin la U):

Olga Brañas | Pianista, crítica musical, pandereteira e feminista

Sermos Galiza | 04 de maio de 2019

A verdade é que en Orense (sin la U) non sabemos a sorte que temos con vostede. É a tía de Santiago Abascal, pero non lle gusta que se lle recoñeza por iso. É doutorada en Ciencias Políticas, case nada! Ademais, todo o mundo sabe que a xente coma vostede, ben relacionada na política, saca as carreiras con moita suor e moita valía.

 

Di vostede que cando viña a Galicia pasaba por Orense (sin la U), polo que xa coñece perfectamente as necesidades da nosa humilde cidade. Imaxino que a traba do idioma suporá un problema á hora de comunicarse, e que agora que está instalada lle custará baixar ao bar de abaixo a almorzar e ter que pronunciar “café con leite”, pero diso falarei despois.

 

Antes de falar de Orense (sin la U) quixera, señorita Begoña Conde, entender un pouco o programa de Vox, xa que aínda non decidín de todo o voto e paréceme o seu un partido moi sensato, porque o que agora importa é non romper España. A ver se lembro como era… “España es una e indivisible”. Si, era así.

 

Pero hai dúbidas que me asaltan, querida Begoña Conde. Xa que a súa candidatura en Orense (sin la U), vostede mesma o dixo, non é relevante na cidade en si, senón que o importante é o proxecto común español de Vox. O outro día descarguei da páxina web oficial de Vox o programa. Pareceume moi interesante e aprendín moito. Por exemplo, aprendín que os inmigrantes son delincuentes potenciais. Que hai que loitar contra esa lacra (contra as mafias que montan, contra os delitos que cometen). E como os inmigrantes son delincuentes, Vox (facendo un uso dunha visión de futuro sen precedentes) ve neles un problema específico a combater, e para iso propón medidas como o endurecemento das penas para inmigrantes. O que non me queda claro é por que Vox non ve a necesidade de ter a Lei de Violencia de Xénero, que parte da realidade de que o 99% dos maltratadores son homes. E esta lei, entre outras cousas, pide o endurecemento da pena cando é o home o que maltrata a muller. Aquí Vox non ve ningún problema específico que hai que combater, pero seguro que ten vostede, señora Begoña Conde, unha boa explicación ao respecto. Non espero menos dunha doutorada.

 

Por outra banda, imaxino que cando en España consigamos desfacernos de toda a lacra negra que entra dende África fuxindo da fame, nós poderemos seguir entrando en África para continuar beneficiándonos da explotación dos seus recursos. Eu nacín branca e primeiromundista: non me farán a marranada de quitarme o Estado do benestar ao que estou acostumada como pequena burguesa: que se teño a pel branca e podo pagarme un café ao día, claramente son de clase media.

 

Volvendo a Orense (sin la U) no tema da lingua, Begoña, agradézolle inmensamente a súa presenza na nosa cidade.  Contareille a miña propia experiencia, que é moi parecida á de ferroláns ou vigueses. Eu nacín e crieime en Orense (sin la U). En Orense (sin la U) impuxéronme o galego dende que teño uso de razón. Cando ía á escola, todo o mundo falaba en galego. As revistas, os xornais, as televisións, as radios, todo estaba en galego. Os libros de texto, as explicacións de profesoras e profesores, todo en galego. Así foi como eu en Orense (sin la U) non tiven nunca ningún contacto co español, que se supón que é a lingua vehicular de España. Parece que só somos españois e españolas no papel, porque logo eu vou a León e non sei comunicarme coa xente. Unha vez tiven que ir a Salamanca, e un camareiro preguntoume “¿qué desea tomar?” fixen un ridículo tremendo cando tiven que usar o google translate para entender que o que me quería dicir era “que desexa tomar?”. Vostede, señorita Begoña Conde de VOX, di que “cuanto queda (sin la tilde) por hacer en materia de idioma”, e eu estou de acordo. Pregúntome, Begoña, se cando gañe vostede as eleccións ten previsto algún tipo de programa de alfabetización en español para ourensás e ourensáns, porque o que non nos pode facer é poñernos cartaces en español, etiquetas e nomes de comida do súper en español, canles de televisións ou radios en español, sen que nós entendamos ese magno idioma. Terá que darnos as ferramentas para que primeiro o aprendamos. Eu, dende logo, penso poñer todo da miña parte para aprendelo, porque xa está ben de imposicións.

 

Co tema do terrorismo e da pintada de “Gora Alka-ETA” de Orense (sin la U) tamén estou de acordo: non se poden permitir ese tipo de pintadas, por moito que nos queiran convencer se que foi vostede a que non se enterou de que non era un “Gora ETA”, senón unha pintada humorística. Co terrorismo cero tolerancia.

 

Acostumáronnos tamén a dicir Ourense, pero iso é un erro. Ten vostede toda a razón, Begoña Conde de VOX: Orense siempre se dijo, y yo lo digo. E cando hai un argumento de peso como o seu, Begoña, non queda máis que darlle a razón. Ademais, cando vostede publica en Twitter que estivo coa veciñanza de La Peroja, soa música nos meus oídos.

 

Deséxolle toda a sorte do mundo, Begoña Conde de Vox. O meu voto xa case o ten asegurado, quero saír desta aldea e deixar de falar o idioma das vacas, este que tanto me impuxeron.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/olga-branas/querida-begona-conde-vox-orense-u/20190503130055079037.html


© 2019 Sermos Galiza