Imprimir

Quinta presentadora da TVG represaliada por protestar, denuncia o comité

Redacción | 06 de febreiro de 2019

A presentadora da TVG Marga Pazos. Foto: CRTVG.
A presentadora da TVG Marga Pazos. Foto: CRTVG.

Marga Pazos, presentadora e redactora de informativos na TVG, vén de ser relegada a funcións de locutora. Segundo o comité de empresa da CRTVG, “é outro caso de grave represalia a unha traballadora pola súa significación pública en defensa da independencia dos medios públicos galegos”. É a quinta presentadora represaliada por motivos semellantes.
 

“Por orde da directora de Informativos Concha Pombo, veñen de afastar Pazos das tarefas propias de redactora que desenvolvía dende hai anos”, sinala o comité nun comunicado, “para limitala a funcións obsoletas de locutora de televisión”. Pazos tamén participou activamente nos Venres Negros contra a manipulación informativa e é unha activa defensora da lingua.

 

Fontes da representación dos traballadores denuncian indignadas que “todas as presentadoras que están a dar a cara, que piden que se cumpra a lei e se erradique a manipulación, están sendo marxinadas”. Antes de Pazos, Alfonso Hermida, Tati Moyano, Carlos Jiménez e Ana Pérez sufriron algún tipo de consecuencia por parte da dirección do ente público.

 

“O comité considera que [o caso de Marga Pazos] se trata dunha represalia que a dirección executa aproveitando a escusa dunha sentenza en primeira instancia que lle recoñece a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel -de locutora a redactora- despois de acreditar que leva anos desenvolvendo esa función”, indica o comité. É dicir, hai ademais un “castigo salarial”.

 

Desde 2007, traballadoras e traballadores da CRTVG presentaron máis de 300 demandas semellante e unhas 35 están vivas.

 

A propia empresa recoñeceu durante as negociacións coa representación do persoal para a nova clasificación profesional que as locutoras “debían integrarse na categoría de redactora, porque desenvolven de facto ese traballo desde hai anos”. Coa decisión da dirección da TVG, Marga Pazos pasa a se a única das locutoras á que se lle prohibe redactar.

 

“O comité solidarízase de xeito unánime con Marga Pazos e agarda que a empresa recapacite e reconduza esta perversa e asfixiante política de represión que eleva aínda máis a indignación e o malestar do conxunto do cadro de persoal nun momento de crispación e fondo deterioro das relacións laborais”, conclúe a nota.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/quinta-presentadora-da-tvg-represaliada-protestar-denuncia-comite/20190206170842075800.html


© 2019 Sermos Galiza