Imprimir

O Rabioso, o garda civil que martirizou a comarca de Vigo

Cilia Torna | 09 de xuño de 2019

Francisco González Rodríguez
Francisco González Rodríguez "O Rabioso", primeiro pola esquerda, nun acto en Vigo.

Xosé Bermejo Martín, Xermán Parga Varela, Xosé Bouzón Sobral, Estanislao Fernández, Pedro Villoldo, Ricardo Rosales, Xosé Cajaraville, Baltasar Iglesias, Tomás Cue, Francisco Macías, Anxo González, Xoán Rivas, son os nomes dalgúns demócratas asasinados da comarca de Vigo  nas xornadas que seguiron o 18 de xullo de 1936 polo oficial da Guarda Civil  Francisco González Rodríguez.

Chamábase Francisco González Rodríguez pero pasou a lista da ignominia como “O Rabioso”. Á volta de 1916 colaborou na detención dunhas persoas que viñan de cometer un roubo en Vigo, axudando a esclarecer a identidade dos autores e participando no apresamento de varios deles, entre os que se atopaba un mozo do concello de Lavadores, Xesús Lago Barbeito, coñecido popularmente como “O Rabioso”. Mentres eran trasladados ao xulgado de Vigo para prestar declaración, Lago Barbeito conseguía fuxir e leva adiante unha espectacular escapada pola cidade, perseguido por un grupo de números da Guarda Civil que remata cun novo apresamento a mans de González Rodríguez nas augas de Bouzas. Segundo escribe o autor anónimo do libro O que fixeron en Galiza “ o sarxento furioso decidiu facer co rebelde un escarmento. Un como estaba e tremilicando pola friaxe, amarrouno polos pulso á cauda do seu cabalo e doutro garda e ao trote lixeiro, levouno a rastras desde Bouzas a Vigo. Cando entrou polas rúas da cidade o sarxento, levando tras de si tal que un trofeo aquel home esgotado, a xente recoñeceu que maior máis terríbel era “ a rabia” do axente da autoridade que a do delincuente e quitoulle a este o alcume do “rabioso” para darllo o sarxento da Guarda Civil”. Xesús Lago Barbeito, agochado desde o 18 de xullo pola súa militancia libertaria, será asasinado en Vigo o 10 de setembro de 1936 tras ser detido outra vez por González Rodríguez cando tentaba visitar a súa parella en estado de gravidez.

Antes de encher de sangue a comarca de Vigo nas xornadas que seguiron ao 18 de xullo de 1936 xa deixará pegadas da súa brutalidade pola Galiza enteira. Nado en Madrid o 24 de xaneiro de 1883, fillo dunha galega de Ferreira de Pantón e dun Guarda Civil, incorporouse ao colexio de gardas mozos aos once anos, ocupando o seu primeiro destino na comandancia de Pontevedra, provincia onde desenvolve o groso da súa carreira profesional, agás dúas estancias na República do Salvador e nas colonias españolas de Guinea. Significouse en agosto de 1917 no combate á folga xeral revolucionaria declarada no conxunto do Estado, recibindo por ese motivo unha felicitación de Afonso XIII nunha real orde asinado no mes de setembro, destacouse en decembro de 1930 na persecución á revolta republicana que remataría cos fusilamentos de Jaca sendo outra vez obxecto de parabéns polo monarca ou sinalouse no período republicano na loita contra o movemento obreiro, cunha grande relevancia nas xornadas de outubro de 1934 pero particularmente nos conflitos do mar da cidade, sendo condecorado pola súa actuación coa “Cruz de San Hermenexildo”.

A súa participación será decisiva na organización e execución do operativo represivo en Vigo. As posicións ideolóxicas reaccionarias de Francisco González Rodríguez así como as profundas convicións monárquicas eran coñecidas de vello no conxunto da cidade, non debendo desvincular a orde de traslado a Xaén en abril de 1936 co seu compromiso nas tramas golpistas. Porén, non chegaría a abandonar a provincia de Pontevedra, aparecendo no primeiro momento á fronte das forzas fascistas que venceron a resistencia popular en Vigo e sendo nomeado Delegado da orde publica, cargo no que permanece até comezos de febreiro de 1937, momento no que é cesado e destinado a Anadalucía, probabelmente pola súa ligazón coa trama mafiosa e criminal do xefe do campo de concentración de San Simón Fernando Lago Búa. O Rabioso, na súa condición de tenente da Guarda Civil pero sobre todo de Delegado da orde pública en Vigo, dirixiu centos de pesquisas, ordenou e levou a cabo detencións, implicouse directamente nas torturas, correspondéndose o seu mandato cos meses máis duros da represión na comarca de Vigo.

O nome d´O Rabioso ficará ligado a ducias de asasinatos de demócratas no sur galego. Se durante moito tempo a memoria popular sinalou a González Rodríguez como responsábel de diversas actuacións criminais, a día hoxe, as informacións achegadas por Xosé Carlos Abad Gallego así como as informacións de testemuñas dos feitos non deixan ningunha dúbida. Sabemos da súa presenza no cárcere do frontón de Vigo dando lectura as listas cos nomes das persoas que ían ser paseadas, así como na recepción de movementos de preso que remataban coa súa morte. Por exemplo, a súa sinatura aparece o 10 de outubro de 1936 recibindo mo cárcere de Vigo aos presos Xosé Bermejo Martín, Xermán Parga Varela, Xosé Bouzón Sobral, Estanislao Fernández, Pedro Villoldo e Ricardo Rosales, aparecendo os seus corpos asasinados o día seguinte sen que mediara ningunha resolución xudicial. Non é a primeira ocasión que o vemos participando directamente nun operativo deste tipo, repetíndose en datas posteriores, polo que a súa presenza na represión paralegal será unha constante neste período.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/rabioso-garda-civil-martirizou-comarca-vigo/20190607102942080543.html


© 2019 Sermos Galiza