Imprimir

Reanúdanse as visitas guiadas ao Castelo da Rocha Forte, asediado polos Irmandiños

ALBA SUEVOS | 20 de xuño de 2017

Un aspecto do xacemento
Un aspecto do xacemento

O preito Tavera-Fonseca, que recolle a lembranza de 183 persoas que viviron antes da destrución deste símbolo de poder feudal e eclesiástico en Compostela, describe a Rocha Forte como a fortaleza máis grande do Reino da Galiza.

A inscrición para a visita guiada os sábados ás 18:00 horas é de balde e a reserva deberá realizarse na Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación (rúa do Preguntoiro, nº 1, de Santiago de Compostela) ou no teléfono 981 542 437. Ademais, haberá campamentos de verán para nenos e nenas do 10 ao 21 de xullo de 2017.

 

Na organización sinalan que "debido á importante demanda que se está a producir, atenderanse tamén colectivos, asociacións, entidades e outras agrupacións que soliciten a visita fóra das quendas programadas".

 

A Rocha Forte foi residencia arcebispal e fortaleza ao exercer como centro de control administrativo, lugar de pagamento de impostos e punto de vixilancia do Camiño portugués e das rutas aos portos de Padrón e Noia cara a Santiago de Compostela. O castelo ten unha planta cadrada de 3.500 m² con catro torres circulares nas esquinas e dúas máis na entrada. Obedece a un modelo arquitectónico militar concéntrico, con tres recintos murados, na transición artística do románico ao gótico.

 

A primeira referencia documental sobre a Rocha Forte aparece en 1253, cando foi impulsada por Xoán Arias e o seu sucesor Berenguel de Landoira continuou o traballo. Co tempo ergueuse como símbolo de poder eclesiástico e feudal. A documentación histórica recolle a existencia no seu interior da capela de Santa Eufemia, casas e casais; como se fose unha pequena vila.

 

ElPuebloGallego

O diñeiro recadado para a mitra compostelá gardábase nesta fortaleza e as moedas que quedaron da época contribúen a datar o castelo. A máis antiga é un óbolo de Afonso O Sabio (1252-1284) e a máis moderna un ceitil de Afonso V (1438-81), rei de Portugal, segundo se dá conta no inventario de obxectos extraídos que figura na publicación RochaForte editada pola Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago.

 

Diversas reformas adaptaron o castelo ás novas necesidades defensivas provocadas pola irrupción da artillaría, como a construción da antemuralla, até que no século XV a Irmandade de Compostela asediou a fortaleza con 11.000 persoas da contorna.

 

Bolaños, croios e bolas de lume empregábanse como proxectís durante os ataques e, aínda que tiñan un alcance de 1.500 metros, a distancias entre 100 e 200 metros o seu impacto era ben efectivo contra a fortaleza. Centos destas bolas de pedra, que van de 5 a 150 kg de peso, atopáronse no interior do recinto amurallado, pese a que a Igrexa prohibira o uso de béstas lanzadas contra cristiáns. Tamén houbo armamento de artillería activado con pólvora, sobre todo bombardas e falconetes. Os proxectís da Rocha Forte foron tanto disparados polos sitiadores como polos defensores, aínda que non apareceron restos de xanelas seteiras.

 

Na hemeroteca

 

El Pueblo Gallego daba a coñecer o 31 de agosto de 1962 que operarios de Fenosa, mentres traballaban a catro metros de profundidade nas ruínas do Castelo da Rocha para instalar unha torre de alta tensión, descubriron unha escalinata abovedada e un pasadizo subterráneo. "O comentario de veciños da Rocha sinala a presenza dun tesouro neste lugar", expón o xornal. Describe que "o descubrimento intrigou un bo continxente de santiagueses" e lembra que no lugar existiu a fortaleza dos Churruchaos e que, 20 anos atrás, "unha vella escavando atopara 20 moedas de ouro".

 

Mais xa en 1887, a Gaceta de Galicia informaba de que a Comisión do Museo Arqueolóxico -da que facía parten Antonio López Ferreiro, Xosé de Villamil e Castro, Luís Rodríguez Seoane e Vicente Canales- se ocupara das escavacións do Castelo da Rocha.

 

"A civilización trazou a vía férrea á mesma altura e pisando en parte aquel vello cadáver do feudalismo e do poder temporal da Igrexa e pasou adiante sen facerlle caso, abrindo túneles e trincheiras até partir en dous o bosque", relata a crónica de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela na Gaceta de Galicia.

 

"É indubidábel, segundo se nota a simple vista, que o Castelo da Rocha non se encontra totalmente derrubado e que os cascallos amoreados deben ocultar aínda a parte baixa e soterrada. Apartados estes, é doado que ademais de averiguarse as disposicións interiores da fortaleza, cimentos, dimensións, portas, recintos, bóvedas e necesarios condutos subterráneos cara ao río se atopen tamén importantes fragmentos arquitectónicos, armas e curiosos obxectos históricos que han de enriquecer o Museo Arqueolóxico", expón o diario.

 

O certo é que 130 anos despois desa crónica xornalística, o xacemento está de novo en proceso de escavación, dende 2001, e as pezas extraídas permitirán descubrir mellor o pasado desta fortaleza declarada Ben de Interese Cultural, grazas á Asociación Cultural Rocha Forte que, con apoio institucional, científico e académico, traballa para concienciar da importancia da conservación e restauración deste castelo derrubado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/reanudanse-visitas-guiadas-ao-castelo-da-rocha-forte-asediado-polos-irmandinos/20170620094739058740.html


© 2019 Sermos Galiza