Imprimir

Reclaman á Xunta profesorado especialista e persoal coidador en Rois

Redacción | 01 de agosto de 2019

IES dos Dices de Rois
IES dos Dices de Rois

A Xunta non atende as reclamacións da comunidade educativa que solicita profesorado especialista e persoal coidador para o alumnado con diversidade funcional no CIP dos Dices, en Rois. Así o denunciou Erguer Estudantes da Galiza nun comunicado en que lamentan o “desleixo” da Consellaría de Educación cara ás crianzas, nais e pais.

A Consellaría de Educación “négase a proveer” o alumnado do CPI dos Dices, no concello de Rois, dos apoios necesarios de profesorado especialista e coidador contemplados polas leis educativas e as leis que salvagardan os dereitos das persoas con diversidade funcional, segundo vén de denunciar a organización estudantil Erguer nun comunicado feito público.

A organización estudantil sinala que no CPI dos Dices están escolarizadas varias nenas e nenos que precisan apoio de persoal coidador, así como especialistas en Audición e Linguaxe

Esta situación de incumprimento “reiterado” das garantías legais mínimas que permiten unha plena inclusión de alumnado con diversidade funcional “vense dando en moitos centros educativos da Galiza”, afirman desde Erguer Estudantes da Galiza. En concreto, a organización estudantil sinala que no CPI dos Dices están escolarizadas varias nenas e nenos que precisan apoio de persoal coidador, así como especialistas en Audición e Linguaxe e profesorado de Pedagoxía Terapéutica e persoal mediador comunicativo.

A situación vense dando desde inicios do curso escolar a pesar dos informes de diferentes especialistas da universidade e incluso do Equipo de Orientación Específico provincial da propia Consellaría, sinalan desde a organización de estudantes nacionalistas.

As nais e pais denunciantes, realizaron varios escritos dirixidos á Inspección Educativa, á Consellaría de Educación e á Xefatura Territorial “sen obter ningún tipo de resposta

As nais e pais denunciantes realizaron varios escritos dirixidos á Inspección Educativa, á Consellaría de Educación e á Xefatura Territorial “sen obter ningún tipo de resposta, aplicando o silencio administrativo perante as peticións realizadas, tal e como se vén repetindo noutros casos”, denuncia Erguer, quen sinala no seu comunicado que o silencio administrativo é a fórmula para negar un dereito que con criterios técnicos tería difícil xustificación, “aplicando recortes absolutamente inadmisíbeis que vulneran os dereitos máis básicos dun colectivo especialmente sensíbel a estas medidas”.

A inacción da Consellaría, vía silencio administrativo, “é unha barreira infranqueábel para as nais e pais”, que optan na maioría dos casos por buscar solucións fóra do ensino público, costeando o apoio ás crianzas nos casos en que a economía familiar o permite.

A inacción da Consellaría, vía silencio administrativo, “é unha barreira infranqueábel para as nais e pais”, denuncia Erguer

Neste caso concreto e perante as eivas de servizo e atención non cubertas pola Xunta, non se cobren tampouco os mínimos esixíbeis para garantir a participación real no proceso educativo, de tal maneira que estas crianzas están a ser privadas dunha educación en igualdade de oportunidades, un dereito básico do alumnado en situación de discapacidade, tal e como afirma Erguer.

Nese sentido, lembran que a inicio do curso escolar as nais e pais do alumnado, a ANPA e a propia dirección do centro educativo comunicaron de maneira formal a necesidade de incorporar especialistas para a atención educativa destes nenos e nenas e do resto do alumando que presentan necesidades de atención especializada, sen obter resposta algunha.

Segundo sinala Erguer, “a nai e pai dunha nena advertiron da necesidade doutro coidador, tal e como indicaban os informes dos diferentes especialistas da función pública e, co caso omiso da Xunta, o resultado foi dun accidente por dupla fractura con ingreso hospitalario”.

Da mesma maneira, a falta de persoal coidador condicionou a participación en actividades complementarias e extraescolares das e dos cativos xa que non se pode garantir a seguridade das mesmas, denuncia Erguer.

“Esta non é unha situación excepcional, senón que é a tónica xeral dentro da política de recortes sen límites da Consellería”, onde se dan casos de crianzas que non poden saír ao recreo pola falta de persoal coidador, centros saturados con aulas en barracóns, falta de especialistas, recortes nos salarios do profesorado, aumento de horas de traballo…” lamentan desde a organización estudantil. Esixen así mesmo que “se solucione esta situación de marxinación de todas as crianzas que precisan dun acondicionamento especial para acceder dunha forma digna á educación pública”. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/reclaman-xunta-profesorado-especialista-persoal-coidador-rois/20190723120438082199.html


© 2019 Sermos Galiza