Imprimir

A reforma do Museo do Pobo Galego ampliarao en 1.600 metros cadrados

Redacción | 18 de decembro de 2018

O conxunto de San Domingos de Bonaval en Compostela. Foto: cedida.
O conxunto de San Domingos de Bonaval en Compostela. Foto: cedida.

A ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval acollerá, a partir de 2021, espazos e servizos relacionados coa actividade do Museo do Pobo Galego. Suporá unha ampliación de 1.600 metros cadrados cuxo proxecto -dirixido polo Consorcio de Santiago- se presentou esta segunda feira.
 

A obra inagurarase no Ano Santo de 2021 e implicará un investimento de 2,95 millóns xestionado polo Consorcio. Este organismo agrupa a Xunta, o Goberno central e mais o Concello da cidade.

 

A planta baixa do novo espazo destinarase a mostras temporais. No primeiro andar haberá oficinas e habilitaranse cuartos para estudos e seminarios. No terceiro amosarase parte da exposición permanente do museo. O faiado seguirá funcionando como almacén. O edificio fora empregado antes como Colexio de Xordos e na actualidade como sede do Servizo de Arquitectura e Etnografía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais do Goberno galego.

 

“Este conxunto sufriu moitas transformacións ao longo do tempo e imos intentar que a lectura da arquitectura do edificio sexa o máis limpa posíbel e fiel á súa historia”, explicou a arquitecta Idoia Camiragua, da oficina técnica do Consorcio compostelán. A reforma seguirá as directrices do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, redactado polos arquitectos Celestino García Braña e Xerardo Estévez.

 

A actuación no edificio orixinal do século XVII incluirá a revocación das fachadas, a instalación dun elevador “que permita mellorar a accesibilidade”, a mellora das condicións térmicas ou o recmabio da estrutura portante dos forxados. Ademais, a obra tamén servirá para limpar e restaurar a fachada do adro da igrexa de Bonaval e das súas reixas históricas.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/reforma-do-museo-do-pobo-galego-ampliarao-1600-metros-cadrados/20181218110954074710.html


© 2019 Sermos Galiza