Imprimir

Renuncia o número 2 do PP ourensán e deslixitima a Vázquez

Redacción | 10 de Xuño de 2019

Reunión local do PP de Ourense para analizar os resultados do 26M [Imaxe: @PPCidadeOurense]
Reunión local do PP de Ourense para analizar os resultados do 26M [Imaxe: @PPCidadeOurense]

O número 2 do PP ourensán, Santiago Rodríguez, renuncia o cargo de concelleiro sen comunicalo ao alcalde popular en funcións, Jesús Vázquez, porque non lle recoñece “autoridade moral algunha”. Esta demisión agrava de novo a crise do PP no concello e deputación de Ourese.

O noutrora feudo ourensán do Partido Popular desmantélase día a día cunha crise estoupada após os desfavorábeis resultados electorais para a dereita española. A iso súmase a dificultade do PP de, polo de agora, poder chegar a acordos con Ciudadanos e Democracia Ourensá que permitan manter Manuel Baltar na deputación e Jesús Vázquez no concello.

Un novo capítulo súmase a esta crise coa renuncia a recoller a acta de edil do número dous da candidatura popular

Un novo capítulo súmase a esta crise coa renuncia a recoller a acta de edil do número dous da candidatura popular ao concello de Ourense, Santiago Rodríguez. A súa decisión de demitir non foi posta en coñecemento do candidato e actual alcalde en funcións Jesús Vázquez debido a que non lle recoñece "nin liderado nin autoridade moral ningunha como para ter que facelo", afirmou Santiago Rodríguez.

O vindeiro sábado 15 de xuño é a xornada en que se constituirán as corporacións locais e Rodríguez comunicou á dirección galega do partido e ao presidente provincial que non tomará posesión. "En ambos os casos comprendérona e, ao entender que era irreversíbel, non deron lugar a moito máis", declarou, mais esa información negouse a trasladala ao alcalde.

Rodríguez apelou a "a súa dignidade" como motivo principal da súa renuncia

Rodríguez apelou a "a súa dignidade" como motivo principal da súa renuncia debido aos malos resultados electorais e asegurou que xa tomara a decisión a propia noite electoral. "Os resultados foron tan lamentábeis que por dignidade e seguindo o camiño dos compañeiros de Vigo decidín facelo", afirmou.

Rodríguez insinuou a mesma vía para Jesús Vázquez que a tomada por Elena Muñoz

Con este exemplo, onde a candidata viguesa á alcaldía Elena Muñoz presentou renuncia a recoller acta de edil na cidade após o fracaso popular, Rodríguez insinuou a vía para Jesús Vázquez, e afirmou que o caso ourensán foi “peor” ca o vigués porque Muñoz non estaba gobernando.

Rodríguez afirmou que se  reina a falta de dignidade e ninguén toma decisións, “polo menos eu si o fago” e apelou a facer autocrítica.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/renuncia-numero-2-do-pp-ourensan-deslixitima-vazquez/20190610191059080645.html


© 2019 Sermos Galiza