Imprimir

Residencias, un déficit gorentoso para a iniciativa privada

Xosé Lourenzo | 20 de decembro de 2018

O avellentamento da poboación é unha das características socioeconómicas máis relevantes e preocupantes para o país. En ningún outro territorio do Estado, exceptuando as dúas Castelas –aínda que non chega aos niveis que marcan os indicadores galegos–, existe máis poboación maior de 65 anos e, aínda máis, cunha perspectiva de seguir medrando na vindeira década. Con motivo da campaña que vén de iniciar a CIG para reclamarlle á Xunta melloras na atención á dependencia, poñemos o foco na falta de residencias públicas. Eis un extracto da reportaxe que publicamos no número 327 de Sermos Galiza.

6Sen unha política definida desde as Administracións central e galega, o avellentamento ten unha serie de implicacións en materia de atención á dependencia, entre as que se atopa unha insuficiente rede pública de residencias de maiores adaptada á realidade do país. As recomendacións da Organización Mundial da Saúde están aínda moi lonxe de se cumprir, ao fixar en cinco por cada cen habitantes o número de prazas axeitado. Na Galiza, o rateo non chega nin a tres (2,8). Tendo en conta que hai perto de 666.000 persoas nesa franxa de idade, cumpriría un total de 33.000, polas 21.000 que existen actualmente.

 

O informe elaborado polo Imserso e referido ao ano 2016 revela ademais que Galiza está á cola do Estado en dotación de prazas de residencia públicas. A media española sitúaseen 56%, fronte a 33% galega, proporción que ten levado a Xunta a asinar concertos para introducir no circuíto público prazas de titularidade privada, co custo que iso supón. Así, o Imserso taxa en algo menos de 18.000 euros anuais o custo medio dunha praza nunha residencia pública –menos de 35% é achegado polas persoas usuarias–; a mesma praza nun centro concertado atinxe os 18.250 euros e as familias teñen que aportar arredor de 30%. Isto eleva a mil euros o sobrecusto que lle supón ao erario cada unha das prazas privadas. Os dados de Política Social din que a media mensual que achega cada usuario é de 500 euros, cun máximo de 1.075, aínda que esas cantidades varían en función dos recursos e, en todo caso, ten dereito a dispor do 25% da prestación que perciba para os seus gastos persoais. Cunha pensión media de 811 euros, a situación das persoas maiores agrávase.

 

O economista Albino Prada remite a un informe da súa autoría publicado no dixital infolibre para constatar que, efectivamente, Galiza incumpre a cifra recomendada pola OMS. “En 2015 eran algo máis de 21.000 prazas que había, pero deberamos ter 33.000 para axustarnos á rateo da OMS”, apunta en declaracións a Sermos Galiza. O profesor da Universidade de Vigo destaca, ademais, que “de cada 100 prazas en residencias, só 33 teñen financiamento público: somos o territorio con menor porcentaxe de oferta pública do Estado español. Pero a demanda existe, pois somos un territorio moi avellentado, o que explica que a oferta privada a prezos de mercado (moi por riba da pensión media) acade case 70 prazas de cada 100. No País Vasco ou Cantabria é xusto ó revés: 70 de cada 100 prazas teñen financiamento público”.

 

[Podes ler a información íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/residencias-deficit-gorentoso-iniciativa-privada/20181219190423074761.html


© 2019 Sermos Galiza