Imprimir

A revista oral da Asociación de Escritoras revisa a memoria das orquestras no San Froilán

Redacción | 09 de outubro de 2019

Detalle do cartaz de 'Letra das Festas' 2019. Imaxe: AELG.
Detalle do cartaz de 'Letra das Festas' 2019. Imaxe: AELG.
É un formato singular, coordinado polo poeta Lois Pérez e mais polo escritor, experto en folclore, Antonio Reigosa. Letra das Festas é unha revista oral, promovida pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), que acontece cada San Froilán e desta volta estará dedicada á memoria das orquestras, as verbenas, os bises.

Letra das Festas será no salón de actos do Vello Cárcere de Lugo a cuarta feira, 9 de outubro, a partir das seis da tarde. Cantarán e contarán Luís Cortiñas, Verónica Cambón, Gerardo Iribar e Tino López. Haberá música a cargo de Tania Pérez. E Pérez e Reigosa coordinarán e presentarán.

Letra das Festas ten o apoio do Concello de Lugo e preséntase nesta oitava edición co seguinte lema: “Memorias desde o palco! / Non hai festa sen verbena, / nin verbena sen orquestra / nin orquestra que non presuma de que lle pidan un bis!”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/revista-oral-da-asociacion-escritoras-revisa-memoria-das-orquestras-san-froilan/20191008172359084930.html


© 2019 Sermos Galiza