Imprimir

Riazor deixou de ser un fortín

Ernesto Uribe | 06 de febreiro de 2019

Cartabia cae ao recibir unha falta dun rival no Dépor-Tenerife (0-0).
Cartabia cae ao recibir unha falta dun rival no Dépor-Tenerife (0-0).

Todo comezou a se torcer na xornada 17 co empate a dous goles fronte ao Numancia. Nos primeiros 7 partidos de liga disputados en Riazor, o combo de Natxo González só deixara ir de Riazor dous puntos. A fortaleza xa non é tal e nos últimos cinco episodios ante a bancada local os branquiazuis cederon até tres empates.

Se o Deportivo mantivese a xeira de bos resultados caseiros das súas sete primeiras comparecencias en Riazor, neste momento sería o líder destacado da Segunda División. Até aquel momento as prestacións na Coruña permitían maquillar o mal comportamento fóra da Coruña. Mais as cousas comezaron a mudar na xornada 17, cando os de Natxo González non pasaron de empate a dous goles co Numancia.

 

Dos últimos cinco partidos en Riazor o Dépor só conseguiu a vitoria en dúas ocasións (xornada 18, 2-0 ao Zaragoza; xornada 22, mesmo resultado fronte ao Albacete). Os empates foron a xa devandita igualada co Numancia e dous choques sen goles contra Lugo (xornada 20) e Tenerife (último partido disputado en Riazor, capítulo 24 do campionato).

 

Que ocorre? Hai diversos factores que explican a mingua no rendimento do equipo. O primeiro, as lesións recorrentes de futbolistas clave no desequilibrio dos partidos, desde un Fede Cartabia que segue lastrado pola súa fraxilidade muscular a un Carlos Fernández que, após reinar no primeiro tramo do campionato, non acaba de se recuperar das súas doenzas. O segundo, certas vacilacións desde o banco. O rombo sacrosanto co que Natxo González se plantou en Riazor foi dando paso a sistemas máis convencionais, con mellor ocupación dos espazos nas bandas, mais sen que o equipo recuperase a frescura. E aquí cabería deterse especialmente no mal momento de forma de algúns futbolistas, desde o Carles Gil que abandonou o clube na ventá de inverno (rumbo aos EUA) até un Quique González que hoxe é un pálido reflexo do xogador que arrancou o campionato.

 

É preocupante? Ben, éo se o equipo continúa a frouxear fóra de casa. Os números de Riazor continúan a ser, se os analisamos globalmente, moi presentábeis. 28 puntos até o de agora, só superados nesta faceta por Osasuna, con 32. Mais lonxe da Coruña o rendimento descende dramaticamente: apenas 15 puntos até agora, 3 vitorias, 6 empates e 3 derrotas. Mellorar as estatísticas nos desprazamentos é conditio sine qua non para que o equipo poda remontar o voo.

 

E o que vén por diante? Está claro que determinadas fallas estruturais —a perda de eficacia realizadora, ligada ás lesións e á baixa forma de Quique— van continuar aí no mínimo no medio prazo, así que cabería agardar unha maior determinación por parte de Natxo González á hora de procurar solucións. O centro de campo, cun Vicente Gómez tamén lonxe do ton físico da primeira parte da campaña, ten que achegar máis á conta de resultados do equipo. Nese sentido moitos ollos procuran a figura dun Pedro Mosquera até agora ben pouco utilizado polo míster vasco.

 

 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/riazor-deixou-ser-fortin/20190206120628075788.html


© 2019 Sermos Galiza