Imprimir

O RockLab pon o ramo a un XX Salón do Libro polo que pasaron máis de 26.000 persoas

Redacción | 13 de Abril de 2019

Andrea Bayer e compañía Baobab presentaron o Salón a obra 'Mai Mai'. Foto: Baobab.
Andrea Bayer e compañía Baobab presentaron o Salón a obra 'Mai Mai'. Foto: Baobab.

A diversificación das actividades e a extensión por toda a cidade de Pontevedra ampliou a oferta a pùblicos de todas as idades.

A XX edición do Salón do Libro de Pontevedra dixo adeus cun acto de clausura protagonizado polo alumnado do RockLab. Poñíase así o ramo a tres semanas de actividades. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, sinalou que “non é posíbel agradecer unha a unha ás miles de persoas, público incluido, que fixeron posíbel o Salón, que é un traballo colectivo” mais quixo salientar especialmente o papel do concelleiro Luis Bará.

 

Por volta de 26.000 persoas de todas as idades gozaron da programación do Salón que festexou os seus 20 anos diversificando a oferta para abranguer todos os públicos e chegar a cada recuncho da cidade. Entre as novidades desta edición destaca os encontros lectores destinados a público adolescente 'Lemos e somos VIP', a troca de libros coordinada polo IES Torrente Balleste e as ANPAS - na que se deu unha nova vida a máis de 5.000 libros - ou a actuación musical 'Alegría' de Sergio Tannus e Marta Bravo na Residencia de maiores de Campolongo.

 

A organización destaca desta edición a consolidación dos públicos adolescentes, a baixada da ratio de escolares por día en fomento da calidade das actividades e a expansión do Salón pola cidade. A lusofonía como cultura convidada supuxo unha aposta chave ao achegar profesionais chegados de Brasil, Angola, Cabo Verde ou Portugal que participaron activamente do programa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/rocklab-pon-ramo-xx-salon-do-libro-polo-pasaron-mais-26000-persoas/20190413084906078107.html


© 2019 Sermos Galiza