Imprimir

Unha romaría do século XXI

Irene Pin | 10 de xuño de 2019

Foliada en Anguieiros
Foliada en Anguieiros

Nos últimos cinco anos as foliadas multiplicáronse en toda Galiza, popularizadas por xente cada vez máis diversa que recupera a forma tradicional de facermos festa, pero traéndoa aos nosos días.

Foliadas, seráns, ruadas, fiadeiros, filandós ou polavilas. Son algúns dos nomes que, dependendo da zona, recibían estas xuntanzas que acontecían como mínimo unha vez á semana en cada parroquia ou lugar, reunindo toda a veciñanza para cantaren, tocaren e bailaren en común. Pode semellar cousa do pasado. Mais non, xa non. Se as foliadas sufriron unha paréntese, volveron para se quedar. Transformadas, iso si, nas romarías do século XXI.

As foliadas mantivéronse até os anos 40 ou 50 no medio rural, dependendo da zona, explica Daniel Carballo, Maca, colaborador do Obradoiro de Cultura Tradicional «A Volta do Agro» e músico en Airiños da Freba. Pero esmoreceron progresivamente co cambio de paradigma e as transformacións demográficas, sociais e mesmo tecnolóxicas. Aquel rural densamente poboado e a súa rica vida social mudaron e, con el, o sentido destas celebracións, dando paso ao nacemento do actual modelo das orquestras. Neste contexto, conta Carme Campo, profesora de baile na Gentalha do Pichel, prodúcese unha perda da transmisión xeracional dos saberes populares.

Paralelamente, desde finais do século XIX e comezos do XX, nun contexto de auxe do folclorismo por parte da burguesía, no intento de recuperar o ideal romántico e costumista, os coros e asociacións de base comezaron a se facer cargo do ensino regrado e subiron ao escenario primeiro a música e, despois, o baile. Non sería até os 80 que se comezase de novo a facer recollidas na procura do máis tradicional, pero aínda desde unha visión do folclore enfocada á montaxe dun espectáculo, pensado para o palco, impoñendo unha separación entre intérprete e público que non existía na democracia tradicional do torreiro.

Recuperación

O proceso de recuperación dos seráns, como se lles coñece en boa parte da zona meridional, partiu do sur da Galiza a finais dos anos 90. Alí a tradición ficaba aínda moi viva, pois até ben entrada a década dos 60 se mantiveran activos.

 

Podes ler esta reporta íntegra no Sermos Galiza nº349, xa na nosa loxa

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/romaria-do-seculo-xxi/20190607084343080539.html


© 2019 Sermos Galiza