Imprimir

Sabadell rectifica e descúlpase após pedir en inglés que unha consulta en galego se remitise noutro idioma

Redacción | 10 de xuño de 2019

Banco Sabadell
Banco Sabadell

O Banco Sabadell rectificou e pediu desculpas após a Mesa pola Normalización Lingüística denunciar que a entidade bancaria respondera en inglés unha consulta feita en galego. Sabadell usou a lingua de Shakespeare para pedir ao cliente que remitise ese trámite en catalán, euskera, español, inglés, alemán ou francés.

Na súa conta de twitter o Banco Sabadell respondeu un chío da Mesa pola Normalización Lingüística en que a entidade galega denunciaba o feito acontecido. O banco pediu nese chío desculpas e confirmou que “o cliente foi finalmente contactado en galego para xestionar a súa petición” e engadiu que “facemos extensivas as nosas desculpas pola confusión”.

O banco pediu desculpas e confirmou que “o cliente foi finalmente contactado en galego para xestionar a súa petición"

A Mesa foi quen denunciou este feito de vulneración dos dereitos lingüísticos, e sinalaba esta mañá que a conduta do Sabadell puña de manifesto que o banco aceptaba calquera outra lingua oficial do Estado e varias linguas doutros países, pero non o galego.

O Banco Sabadell é unha das poucas entidades que permitían empregar a lingua galega, tanto na súa web como nas aplicacións móbiles e nos caixeiros, lembrou A Mesa, apuntando ao ‘Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias’.

Segundo o Informe da Mesa, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 "entidades financeiras colaboradoras" ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego.

"Os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir o dereito a usar do galego, por iso, han de promulgarse medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua como a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüisticos no ámbito socioeconómico que presentou no Parlamento de Galiza en 2017 a Mesa pola Normalización Lingüística.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/sabadell-rectifica-apos-pedir-ingles-consulta-galego-remitise-noutro-idioma/20190610211303080650.html


© 2019 Sermos Galiza