Imprimir

San Xosé, San Xoán e Día da Patria: os festivos propios de Galiza para 2020

Redacción | 09 de maio de 2019

Un neno observa as lapas na noite de San Xoan
Un neno observa as lapas na noite de San Xoan

A normativa estatal fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos e, cando un festivo nacional obrigatorio coincide en domingo, cada comunidade pode substituílo por outro día de interese

Galiza terá como festivos propios en 2020 o día de San Xosé (19 de marzo) e o día de San Xoán (24 de xuño). Así se establece na proposta de calendario laboral de 2020 que coñeceu esta quinta feira o Consello da Xunta, na que tamén se recolle como festivo o 25 de xullo, Día da Patria Galega.

 

A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito estatal non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbeis a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (10 de abril en 2020), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

 

No ano 2020 hai dous festivos estatais que coinciden en domingo: o 1 de novembro, día de Todos os Santos, e o 6 de decembro, día da constitución, que se substituirán en Galiza polo 19 de marzo, día de San Xosé (cae en quinta feira), e o 24 de xuño, día de San Xoán (cae en cuarta feira).

 

Ademais, outros tres festivos de carácter estatal poden ser substituídos polas autonomías: 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2020 cae o 9 de abril), que Galiza non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é, na denominación oficial, o Día Nacional de Galiza.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/san-xose-san-xoan-dia-da-patria-festivos-propios-galiza-2020/20190509172722079391.html


© 2019 Sermos Galiza