Imprimir

Sancha e Dulce, raíñas por un mes

Cilia Torna | 14 de febreiro de 2019

Na imaxe, Tareixa de Portugal, nai das raíñas Sancha e Dulce
Na imaxe, Tareixa de Portugal, nai das raíñas Sancha e Dulce

Só se mantiveron no trono durante un mes e medio pero representaban os intereses dunha Galiza que apostaba en seguir vivindo independente arredada da orbita castelá. A súa renuncia non implicou a fin da resistencia galega pero abriu a porta a un proceso político que remará coa incorporación subordinada do noso país ao reino de Castela. Eis un extracto da información publicada no número 334 de Sermos Galiza.

1A acción política dos anos finais do goberno de Afonso VIII está orientada a garantir a continuidade dun reino de Galiza independente arredado da orbita castelá. A morte á volta de 1214, cando só contaba con 22 anos de idade, do seu fillo Afonso, froito do seu matrimonio con Tareixa de Portugal, supuxo un duro golpe para o seu proxecto, nun contexto dun enfrontamento cada vez maior con Castela.

 

Os litixios dos galegos co reino veciño viñan de lonxe, tecendo o noso monarca diversas alianzas no ámbito peninsular para debilitar o peso castelán que contaba co forte apoio do papado, até poñer en marcha en 1991 o pacto de Huesca, unha liga impulsada por Afonso VIII co apoio dos reinos de Portugal, Navarra e Aragón para loitar contra Castela. A proclamación en 1217 do seu fillo Fernando como rei castelán derivou nun enfrontamento aberto co pai, que intervén na política deste reino en defensa dos intereses galegos, producíndose unha ruptura definitiva entre ambos que duraría mesmo até a morte de Afonso VIII.

 

Afonso VIII remataría por nomear como sucesoras á coroa de Galiza as súas fillas Sancha e Dulce. Á volta de 1217 o monarca galego despoxa dos seus dereitos sucesorios o infante Fernando, froito do seu matrimonio coa castelá Berenguela, deixando desde aquela de nomealo nos seus documentos e reiterando en diversos documentos a súa negativa á aspiración ao trono. Un ano máis tarde, o 26 de agosto de 1218, pai e fillo asinan a paz de Toro, un acordo polo que poñen fin ás hostilidades entre Galiza e Castela, onde o futuro Fernando III renuncia expresamente a calquera dereito sobre a coroa de Galiza e recoñece como lexítimas herdeiras as súas irmáns Sancha e Dulce.

 

Na mesma liña, o 13 de xuño de 1219, Afonso VIII fecha un pacto con Portugal no val de Baroncelle, na Lima, onde se afirman outra vez os dereitos sucesorios de Sancha e Dulce, fillas do matrimonio coa raíña portuguesa Tareixa, comprometéndose o reino irmán a garantilos, mesmo, militarmente após a morte do rei galego.

 

[Podes ler a información íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/sancha-dulce-rainas-mes/20190214102150076079.html


© 2019 Sermos Galiza