Imprimir

Sánchez e Iglesias encamíñanse cara a un "goberno de cooperación"

X.M. | 11 de Xuño de 2019

Un momento do encontro [Foto: @psoe].
Un momento do encontro [Foto: @psoe].

Un "goberno integrador, plural, incluínte e non fechado como podería ser un goberno de coalición". Esa é novidosa fórmula que pretenden ensaiar PSOE e Unidas Podemos, segundo o relato que ofereceu esta terza feira Adriana Lastra, portavoz socialista no Congreso e vicesecretaria xeral do partido con máis escanos na cámara (123). Sánchez e Iglesias reuníronse esta mañá e, após constatar un alto grao de coincidencia programática, puxeron os alicerces do que pode ser o primeiro goberno con ministros de dous partidos distintos na historia do réxime político instituído en 1978.

A fórmula "goberno de cooperación" púxoa sobre a mesa Pedro Sánchez, revelou no seu encontro cos medios Pablo Iglesias após unha entrevista co secretario xeral do PSOE que se produciu nunha sala do Congreso dos Deputados e que se prolongou por espazo de hora e cuarto. O líder de Unidas Podemos non perdeu o tempo en abenzoar a expresión e preferiu dedicarse a enchela de contido. "O significante é o de menos. O importante é conseguir un goberno plural con representación proporcional aos votos das eleccións xerais", dixo.

 

123 PSOE. 42 Unidas Podemos. Esa é a correlación de forzas. Isto é, o goberno debería ter un terzo de ministerios en mans da forza morada. Así o ve Iglesias. O PSOE veo distinto. Argumenta que o problema é que 123+42 dá 165 e que, por tanto, fica aquén do limiar (176) da maioría absoluta. Significa iso que Ferraz se nega á presenza no gabinete de ministras de Podemos? Non necesariamente. Adriana Lastra estivo estremamente ambigua na súa intervención perante os medios. Veu dicir que esa é unha cuestión que se dirimirá en próximas reunións, xa máis discretas, que pilotará persoalmente Pedro Sánchez na súa dupla condición de líder do partido e presidente do goberno.

 

Un goberno de cooperación non é o mesmo que un goberno do PSOE con personalidades independentes do ámbito progresista. O PSOE, por tanto, moveu lixeiramente a súa posición. E Unidas Podemos? Segundo as fontes consultadas por Sermos, tamén. Xa non se poría sobre a mesa como conditio sine qua non a vicepresidencia para Pablo Iglesias. A formación da esquerda rupturista podería conformarse con ministerios de contido claramente social, dirixidos, iso si, por persoas da máxima confianza do secretario xeral de Podemos.

 

En todo caso, o acordo non pasa aínda dun estado embrionario —embora hai conversas xa desde a primeira semana após as eleccións— e acabará por se concretar após a constitución dos concellos, prevista para este sábado. Nin ao PSOE nin a Unidas Podemos interésalles un escenario de ruptura que puidese desembocar nunha repetición das eleccións: Ferraz porque podería perder a Moncloa e a formación morada porque podería ceder aínda máis terreno, o que colocaría o seu líder nunha situación desesperada.

 

Formalmente, o PSOE non fecha a porta a acordos con PP e Cs para estas forzas, a través dunha abstención, viabilizar a investidura de Sánchez sen que esta dependa das formacións independentistas catalás. Mais facticamente esa vía non conduce a ningures: a dereita votará en bloque contra o candidato socialista.

 

En todo caso, Sánchez vai manter esta mesma tarde reunións con Albert Rivera e Pablo Casado.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/sanchez-iglesias-encaminanse-cara-goberno-cooperacion/20190611130428080665.html


© 2019 Sermos Galiza