Imprimir

Sánchez pide de novo en Galiza o voto útil fronte a suma da dereita

Redacción | 14 de maio de 2019

Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero [Imaxe: PSOE]
Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero [Imaxe: PSOE]

Pedro Sánchez voltou a Galiza inmerso na nova campaña electoral das europeas e municipais. Pese aos malos resultados que as enquisas auguran para as dereitas españolas, Sánchez continúa apelando ao voto útil fronte a suma nos concellos de Vox, Ciudadanos e PP.

Galiza contou de novo coa presenza do líder do PSOE, Pedro Sánchez, inmerso en plena campaña electoral. Ante unhas 2.300 persoas no mitin de Vigo, segundo informaron desde a organización, comparou a PP, Ciudadanos e a Vox “con eses veciños que nalgunhas comunidades só xeran ruído e problemas”, e acusounos de estaren máis preocupados polas súas leas e a súa propia “supervivencia” que polos problemas da xente.

 

Asegurou Sánchez que a xente está "farta da eterna discusión" entre os tres partidos da dereita

 

Asegurou Sánchez que a xente está "farta da eterna discusión" entre os tres partidos da dereita, e pediu o voto para o PSOE nos concellos e para o Parlamento Europeo. Asegurou que o 28 de abril, co resultado das eleccións xerais, “non houbo volta ao pasado” e chamou a que tampouco a haxa o vindeiro 26 de maio.

 

Sánchez tirou de ironía para desacreditar a Pablo Casado nas súas intencións de visualizar un xiro ao centro e afirmou que se ha de tratar dunha viaxe “ao centro da terra porque se empeña en cavar".

 

Ao PP, Sánchez recomendeu que fagan “limpeza” para erradicar o historial de corrupción

 

No mitin en que arroupou a Abel Caballero como candidato á alcaldía de Vigo tamén tivo palabras para criticar a posición mantida por Albert Rivera, a quen ve centrado en querer adiantar o PP pola dereita.

 

Ao PP, Sánchez recomendeu que fagan “limpeza” para erradicar o historial de corrupción, a Ciudadanos recomendeu que defendan a xustiza social “porque xa está ben de exclusión”, afirmou, e a Vox pediulle “convivencia, convivencia, convicencia”.

 

Neste mitin de Vigo lembrou tamén a Alfredo Pérez Rubalcaba.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/sanchez-pide-novo-galiza-voto-util-fronte-suma-da-dereita/20190514222647079613.html


© 2019 Sermos Galiza