Imprimir

A sanidade pública retoma as mobilizacións: manifestación o 26 e folga a finais de novembro

Redacción | 10 de outubro de 2019

Concentración esta quinta feira no centro de saúde San Xoán, na Coruña.
Concentración esta quinta feira no centro de saúde San Xoán, na Coruña.
Os colectivos de profesionais de Atención Primaria volven parar cinco minutos esta quinta feira diante dos centros de saúde de todo o país, e farano nas seguintes semanas o mesmo día, en protesta pola situación do servizo, que afecta desde as condicións laborais das traballadoras até as prestacións ás usuarias e usuarios. Ademais, anuncian unha manifestación en Compostela para o sábado 26 de outubro e dúas xornadas de folga o 27 e o 28 de novembro.

Como en febreiro, abril e xuño pasados, como cada outono desde xa non se sabe cantos anos, a sanidade pública galega, que sofre a corrosión silenciosa dos retallos e da privatización, volve a rúa para dar outra voz de alarma. Desta volta son as profesionais de Atención Primaria as que toman a iniciativa. Empezan esta quinta feira, con paros de 5 minutos diante dos centros de saúde. 

Reclaman recuperar a estrutura do servizo en cada área: a Xerencia de Atención Primaria. E póñenlle de novo prazo ao cumprimento da súa reivindicación: tres meses. Tal é a urxencia. O servizo está tan deteriorado que non caben máis concesións. Reclaman ademais limitar as citas diarias a 30 para mellorar o tempo de atención ás pacientes; que se convoquen todas as prazas vacantes; que se dea cobertura a todas as ausencias; e unha atención homoxénea en todas as áreas (acceso ás probas diagnósticas, teleconsulta, acortar tempos de respostas, entre outras cuestións); e un aumento orzamentario para este servizo respecto do total do gasto até 25%.

As asembleas de área destas últimas semanas decidiron ademais convocar unha folga para os días 27 e 28 de novembro, cando xa se teñan coñecido as recomendacións do comité técnico que Sanidade puxo en marcha para avaliar os problemas na Atención Primaria. Antes, o 26 de outubro, está prevista unha manifestación en Compostela cun chamamento “a participar a todos os colectivos profesionais e á poboación”. 

A mobilización, convocada pola Asemblea de Área Sanitarias, confía en contar co apoio dos sindicatos, “que están nas mesas técnicas que montou a Consellería de Sanidade e din que esperarán a ver se hai resultados”, explica Ramón Veras, médico de Primaria na Coruña e un dos portavoces do colectivo.

O persoal de Primaria tamén anuncia a creación dun Foro Galego de Atención Primaria.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sanidade-publica-retoma-mobilizacions-manifestacion-26-folga-finais-novembro/20191010063110085037.html


© 2019 Sermos Galiza