Imprimir

Sarrionandia e Cuixart prologan o libro do Festival de Poesía do Condado

Daniel Salgado | 13 de agosto de 2019

Detalle do cartaz a 33ª edición do Festival de Poesía no Condado. Imaxe: cedida.
Detalle do cartaz a 33ª edición do Festival de Poesía no Condado. Imaxe: cedida.
Un ensaio sobre participación política e solidariedade internacionalista abre o libro da 33ª edición do Festival de Poesía no Condado. “Facer política. Co inxusta, inexpugnábel e corrupta que é a política. Pois precisamente por iso cómpre facer política”, di. Escríbeo un dos grandes autores vascos vivos, case un mito: Joseba Sarrionandia (Iurreta, Euskadi, 1958).

O seu texto e outro do preso político catalán Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural, son o pórtico do volume colectivo coas achegas das poetas participantes no evento, que decorrerá o sábado 31 de agosto en Salvaterra do Miño dedicado ao internacionalismo. E no que participarán Luz Pichel, Xiana Arias, Lara Rozados, Quico Valeiras, Xespi, Margarita Ledo, Iolanda Zúñiga, Laura Ramos Cuba e Carlos da Aira.

“É ilóxico falar de globalización e de cosmopolitismo en abstracto sen ter en conta que a vida de tres cuartas partes da poboación está marcada dunha ou outra forma por un pasado colonialista, pola expansión do capitalismo a escala global a partir do século XV”, argumenta Sarrionandia, poeta, narrador e ensaísta. A participación política e a tenrura dos pobos titúlase un prólogo polo que transitan Rosseau, Castelao, Augusto Monterroso, Emmeline Pankhurst ou o Che Guevara.Joseba_Sarrionandia_-_2016

As teses da contribución de Sarrionandia, o Sarri da célebre canción de Kortatu, veñen coincidir coas explicacións que ofrece a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, impulsora do festival, sobre a escolla temática da edición: “A SCD do Condado [impulsora do festival] quere levar a Salvaterra do Miño a solidariedade cos pobos que, como o galego, loitan polos seus dereitos nacionais e sociais no camiño da independencia, como poden ser os pobos vascos, catalán ou irlandés”, sinalan os promotores, “mais tamén apoiamos as causas dos países os cales vén ameazada a súa soberanía polo imperialismo, como é o caso da Venezuela, Siria ou Cuba”.

Para afondar na cuestión servirá a Mesa das Ideias. Nela sentarán a debater o xornalista portugués Bruno Carvalho, a activista do colectivo Mar de Lumes Olaia Chaves, a portavoz do BNG en Europa Ana Miranda e o representante da Frente Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) Fayed Badawi.

 

A música
Mais o Festival de Poesía no Condado, cuxa orixe se remonta aos anos da restauración democrática e que celebrou a súa primeira edición en 1981, naceu xa como o cruzamento de palabra e música, escritoras e bandas. Xornada cultural lúdica e aberta, convoca xentes de toda a Galiza. O Partido Popular intentou este ano criminalizar o encontro baixo unha singular acusación: que fai “apoloxía do independentismo”. Quedou en desafortunados, desinformados titulares de prensa e mais nada.

En todo caso este 31 de agosto, haberá “recitais poético musicais” de A Tol, Malvares de Moscoso, As Tres Nebrosas e Cinta Adhesiva. E un amplo programa puramente musical. Ameaça de Bombo, De Ninghures, o rap feminista de Flow do Toxo, Sapoconcho sen Poncho, o ska punk de combate de Liska ou o clasicista rocanrol de The Lelli Kelly's fan parte dun cartel que conta con tres das artistas de maior repercusión do pop galego actual: Sés, Familia Caamagno e Dios Ke Te Crew.

O limiar de Joseba Sarrionandia remata con José Martí, poeta e patriota cubano, precursor do panamericanismo revolucionario, que no seu día se dirixiu ao río Niágara nos seguintes termos: “...Que sexan libres e xustos todos os pobos da terra: que non empregue ningún o poder obtido pola liberdade en lla arrebatar aos que se amosaron dignos dela; que se un pobo ousa poñer a man sobre outros, non lle axuden ao roubo sen que saias, oh Niágara, dos bordos, os irmáns do pobo desamparado”.

 

Nota: o escritor vasco Joseba Sarrionandia na Habana en 2016.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/sarrionandia-cuixart-prologan-libro-do-festival-poesia-do-condado/20190813114658083059.html


© 2019 Sermos Galiza