Imprimir

O eurodeputado Blanco cuestiona os coñecementos técnicos dos peticionarios sobre as rías

Uxía Castro | 23 de xaneiro de 2019

A delegación peticionaria da reapertura do expediente das rías do Burgo e Vigo, na rolda de prensa.
A delegación peticionaria da reapertura do expediente das rías do Burgo e Vigo, na rolda de prensa.

Vivíronse momentos de tensión no transcurso da reunión da Comisión de Peticións da Unión Europea, a pasada segunda feira 21 de xaneiro, na que se levou a debate a contaminación das Rías do Burgo e Vigo. Xosé Blanco, eurodeputado do PSOE e ex ministro de Fomento, cuestionou a capacidade dos peticionarios para xulgar determinadas condicións técnicas da depuradora de Vigo. Sermos Galiza asistiu á sesión en Bruxelas.

Por iniciativa da europarlamentaria do BNG Ana Miranda, o órgano parlamentario estudou reabrir o expediente do caso após a visita en 2013 dunha delegación da Comisión a Galiza para realizar un informe sobre o estado dos esteiros.

 

O informe instaba o goberno de España a “non escatimar en custos nin tempo para rexenerar as rías”. Porén, case seis anos despois a Ría do Burgo segue sen ter sido dragada e, aínda que en Vigo se construíu unha depuradora, a canalización que leva as augas até ela mestura augas fecais e pluviais.

 

Esta sesión da Comisión de Peticións contou coa participación dunha delegación convidada polo grupo parlamentario do BNG, formada por membros dos comités de defensa de ambas as dúas rías e políticos do BNG das áreas afectadas, como Francisco Jorquera e Avia Veira pola Coruña, Tono Chouciño por Culleredo e Xabier Pérez Igrexas por Vigo.

 

Peticionarios

 

Felipe Canosa, patrón maior da Confraría da Coruña, explicou á Comisión que a Ría do Burgo se caracterizaba pola súa “gran capacidade marisqueira” e que “nos 90 o número de mariscadores ascendía a 2.170”, número que mermou enormemente a causa da contaminación producida polas fábricas de aceites ou xabróns, entre outras. Como consecuencia destas verteduras orgánicas e químicas “a ría contén máis de 300.000 metros cúbicos de lodos contaminantes”.

 

Felipe Carnosa, patrón maior da Confraría da Coruña: "Nos anos 90 o número de traballadores na ría do Burgo ascendía a 2.170. Este número mermou enormemente a causa da contaminación"

 

Non quixo deixar sen citar a morte dun home de mediana idade no ano 2012 atrapado nos lodos. Denunciou tamén a “falta de vontade” das administracións para solucionar o problema, polo que se senten, dixo, “desprotexidos” e desamparados ao teren que acudir a Europa para seren escoitados. “Por moi grande que sexa a obra, cinco anos é un tempo excesivo”, concluíu.   

Intervención Comisión Peticións 2

Serxio Regueira, presidente da Plataforma de Defensa da Ría de Vigo-Cíes, pola súa parte amosou fotografías dalgúns dos puntos máis importantes das verteduras (Meira, Vigo-Chapela ou Vigo-Nigrán) para recriminar que o aspecto actualmente segue a ser “igual que hai 10 anos”. Lembrou á Comisión que da Ría de Vigo “dependen 15.000 postos de traballo” entre mariscadores e pescadores.

Serxio Regueira, presidente da Plataforma de Defensa da Ría de Vigo-Cíes: "Da Ría de Vigo dependen 15.000 postos de traballo entre mariscadores e pescadores"

Quixo recalcar tamén que a construción dunha depuradora de capacidade para 800.000 habitantes é insuficiente, senón se reparan os condutos que levan a auga até ela e “mesturan augas pluviais con augas fecais” e que a capacidade de evacuación da depuradora é “insuficiente”, catro metros cúbicos menor da da propia depuradora (oito fronte a doce), ademais de que os pozos de bombeo “cando hai moita auga abren as comportas e verten directamente ao mar”.

 

Intervencións da comisión e os eurodeputados

 

Vivíronse posteriormente momentos de tensións entre Ana Miranda e Xosé Blanco, eurodeputado do PSOE cando após de que a política nacionalista explicase que a limpeza das rías é “un problema que preocupa á cidadanía do meu país” e que “non houbo suficientes investimentos do estado nin do goberno galego”.

 

Blanco afeou estas declaracións argüíndo que “un proxecto desta envergadura non se muda dun día para outro” e menos se ”non se aproban os orzamentos”, nos que se inclúen 8 millóns de euros para a dragaxe da ría do Burgo e “a posibilidade de asignar 24 millóns de fondos comunitarios”. O eurodeputado do PSOE criticaba así a actuación da BNG durante a tramitación dos orzamentos facendo abstración de que a formación nacionalista non ten presenza no Congreso. 

 

Cecilia Wikström, presidenta da Comisión de Peticións: "Políticos españois, non convertan isto nunha farsa española" 

 

Elevando o ton de voz, acusou Ana Miranda de “querer ser sempre a protagonista”, xesto que molestou a presidenta da Comisión, Cecilia Wikström, quen chamou a atención ao político socialista e outros políticos españois. "Non convertan isto nunha farsa española", sentenciou. Tamén,criticou os peticionarios por, dixo, manexar incorrectamente os datos técnicos da depuradora de Vigo. ”Eu son máis modesto e non podo facer consideracións técnicas”, dixo.

Ana Miranda Peti 2

Reafirmando a postura de Blanco, Francisco Millán Mon, eurodeputado do PP, alegou que o balanzo dos últimos 20 anos é “positivo” e que “un estudo deste tipo non se improvisa”. Cualificou así mesmo a depuradora de Vigo de “obra faraónica”, e lembrou o “investimento de 200 millóns de euros na súa construción”.

 

Rosa Estaràs, tamén do Partido Popular e vicepresidenta da Comisión, acusou o BNG de “politizar o medio ambiente” e utilizar un tema que é de todos “e non de Ana Miranda” de cara ás eleccións de maio.

 

Xosé Blanco: "Un proxecto desta envergadura non se muda dun día para outro"

 

No entanto, amosaron o seu firme apoio á causa Josep Maria Terricabras, eurodeputado da coalición catalá L'Esquerra pel Dret a Decidir, e Eleonora Forenza, do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica.

 

Reapertura do expediente e reaccións

 

A presidenta da Comisión clausurou entón a petición coa reapertura do expediente, considerando que “debemos esperar até que teñamos unha explicación fiábel”. “Mandaremos unha carta ás autoridades españolas”, manifestou.

 

Rematada a sesión, Ana Miranda cualificou de “gran éxito” para Galiza que a Comisión de Peticións reabra a petición sobre as rías de Vigo e o Burgo, “grazas á insistencia dos peticionarios e do propio BNG”.

 

Após a sesión, a delegación e a eurodeputada reuníronse co grupo parlamentario ao que pertence o BNG na Eurocámara, o Grupo dos Verdes/ALE e con David Low, quen era presidente da Comisión cando se aceptou enviar a delegación a Galiza e quen dende aquela “se implicou persoalmente no caso”, contou Ana Miranda.

 

Rolda de prensa

 

A terza feira 22 de xaneiro, Ana Miranda e e delegación peticionaria deron unha rolda de prensa na que amosaron a súa ledicia pola reapertura do expediente e presentaron as iniciativas que seguirán.

 

Ana Miranda: “Cunha ampla delegación de prensa galega, a televisión publica do país non está hoxe aquí”

 

Ana Miranda anunciou, pois, que se dirixirán ao comisionario de Medio Ambiente “para enviarlle a información solicitada, xa que onte a comisión recoñeceu non tela toda” e que se reunirán asemade con el para “trasladarlle a problemática das rías”, entre as que incluíu tamén as de Cee e Viveiro. Pedirán igualmente explicacións á Xunta de Galiza e pedirán “que amplíe os 8 millóns recollidos polos 46 que son precisos”.

 

Serxio Regueira, da Plataforma pola defensa da Ría de Vigo-Cíes, reprochou o comportamento dos eurodeputados do PSOE e PP a xornada anterior, especialmente o de Xosé Blanco. “Para nós supón un insulto. Non admitimos que nos dean leccións, nós sabemos o que é a práctica diaria. Cando queiran comprobar onde están os problemas que nos chamen e os levamos aos sitios exactos. A partir de aí poderán opinar”, dixo. As súas palabras foron compartidas por Felipe Canosa, patrón maior da Confraría da Coruña.

Rolda prensa rías

Francisco Jorquera, candidato do BNG á alcadía da Coruña, amosouse “escéptico” a un eventual aumento do orzamento consignado, xa que eses fondos son “para outros temas, e para desvialos se require unha autorización”. “O BNG non vai parar até ver rexenerada unha ría fundamental”, afirmou.

 

Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG á alcadía Vigo, tildou de “clamoroso desinterese” que non se consignase nin un só euro dos orzamentos de 2019 ao saneamento da ría de Vigo e chamou a “acometer un estudo integral do estado real” da ría.

 

Por último, a eurodeputada nacionalista lamentou que “cunha ampla delegación de prensa galega, a televisión publica do país non estea hoxe aquí”.

 

Nota: Todas as fotos son de Delmi Álvarez

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/seguimento-da-sesion-da-eurocamara-respecto-ao-saneamento-das-rias-do-burgo-vigo/20190123121818075403.html


© 2019 Sermos Galiza