Imprimir

Selección galega de fútbol: a “impresión” perdida [por Xoán Costa]

XOÁN COSTA | 11 de Xaneiro de 2019

Celta Film foi unha empresa fundada por Rey Soto en agosto de 1922 co obxectivo de criar obra de “exaltación gallega recogiendo rincones y sorprendiendo momentos de la vida de Galicia”.

Moito foi o traballo nesa derradeira semana de agosto de 1922. Filmaron na Coruña e Vigo, onde “impresionaron” os actos de homenaxe ao presidente arxentino Marcelo Torcuato de Alvear, presidente entre 1922 e 1928.

 

O resultado deste labor, en verdade “meritísimo” di Galicia: Diario de Vigo, poderá ser admirado na pantalla onde se mostrará un “reflexo fiel e exacto dos entusiasmos, tan espontáneos como sinceros, con que Vigo demostrou a intensidade do afecto coa república arxentina” . Mondariz, Cambados ou A Toxa foron as seguintes etapas nese percorrer Galiza coa cámara na man.

 

Un dos traballos máis importantes foi o realizado o 25 de febreiro de 1923. Xógase, no campo de Coia, a final do campionato de “regiones” entre as seleccións de fútbol de Galiza e a de Asturias. A prensa define o evento como a “maior solemnidade futbolística que presenciaremos en Vigo durante moitos anos” E a Celta Film vai “impresionar” unha película para proxectar en América. Por Galiza xogaron Pinilla, Reigosa, Polo, Chiarroni, Ramón, Balbino,Torres, Queralt, Pasarín, Otero e Isidro. A crónica do xornal Galicia incluía publicidade entre un e outro parágrafo dunha intensa crónica deportiva.

 

“Antes de ir al campo, en el campo, y después del campo, beba usted RIO MIÑO” “Beba usted RIO MIÑO, rey de los vinos gallegos” ou “Escanciar RIO MIÑO, en los brindis del triunfo” para finalizar cun “Ganarán los nuestros, si usted bebe RIO MIÑO”

 

Hoxe a gravación daquel partido está desaparecida. Non sabemos o efecto que tivo a publicidade e o viño que se bebeu, ou se o beberon só os xogadores pois Galiza perdeu por 1-3. Foi a primeira derrota. En fútbol, claro, que das outras...

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/seleccion-galega-futbol-impresion-perdida-xoan-costa/20190111111715075156.html


© 2019 Sermos Galiza