Imprimir

O semanario en papel Sermos Galiza incorpora un especial de Nós Diario

Redacción | 09 de maio de 2019

[Imaxe: Alberte Mera]
[Imaxe: Alberte Mera]

O número 345 do semanario en papel Sermos Galiza chegou esta semana aos quiosques e fíxoo acompañado dunha publicación especial sobre Nós Diario, o novo medio que impulsa a empresa e que verá a luz de maneira continuada desde o 2 de xaneiro de 2020.

Como cada quinta feira o semanario en papel Sermos Galiza voltou aos quiosques mais esta vez fíxoo coa incorporación dunha publicación especial, de 12 páxinas, que reproduce parte do deseño gráfico de Nós Diario, o medio que impulsa a empresa e que verá a luz de maneira continuada desde o 2 de xaneiro de 2020.

 

O suplemento, que informa da saída de Nós Diario –xornal en papel de terzas a sábados e en soporte dixital todos os días do ano, inclúe textos de Pepe Barro, grafista encargado do deseño do diario en papel; de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., de María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, e de Margarita Ledo, catedrática de Comunicación Audiovisual da USC.

 

Ao longo das 12 páxinas, a publicación explica o porqué da escolla da cabeceira e os detalles do deseño, incluídas as tipografías que empregará. Aliás, recolle a estrutura do diario en papel por bloques (as informacións repartiranse en catro bloques: Galiza, Economía e traballo, Internacional e Cultura e axenda) e con seccións de ruptura (caso de Opinión e de En Foco, entre outras). Tamén se dá conta das liñas xornalísticas que practicará o novo medio –cuxos números cero en papel verán a luz a finais de 2019 e que sairá á rúa e na rede a partir do 2 de xaneiro de 2020–.

 

Este suplemento foi entregado ás persoas que asistiron á presentación da cabeceira e das principais liñas de deseño gráfico e xornalístico de Nós Diario, que decorreu o sábado, 4 de maio, na Nave de Vidán, en Compostela.

 

O semanario en papel co suplemento incluído están xa dispoñíbeis nos quiosques e puntos de venda habituais.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/semanario-papel-sermos-galiza-incorpora-especial-nos-diario/20190509205712079403.html


© 2019 Sermos Galiza