Imprimir

Sementar, sementarei variedades do país

Alberte Mera | 10 de xullo de 2019

[Imaxe: Cedida] Misión Biolóxica
[Imaxe: Cedida] Misión Biolóxica

Moitas sementes de variedades tradicionais cultivadas durante séculos na Galiza foron substituídas nos últimos anos por híbridos comerciais e transxénicos alterados por macroempresas privadas que comercializan semente de rápido crecemento e produtividade. Arrasan así coa diversidade e fannos camiñar cara á homoxeneización global. Pola contra, afloran proxectos públicos e de entidades comprometidas co país que poñen en marcha iniciativas que marcan a diferenza, a calidade e o camiño para un agro galego produtivo, que conserve as súas variedades e estea cheo de futuro. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.

m2_SociedadeAgroman na Galiza iniciativas preocupadas pola promoción e conservación da biodiversidade agrícola, a cal se sustenta no uso de sementes de variedades tradicionais da nosa terra.

Moitas delas foron substituídas nos últimos anos por variedades comerciais de sementes, híbridas e mesmo transxénicas, alteradas primeiro por organismos públicos e despois por macroempresas privadas, creando variedades novas que producen máis cantidade en menos tempo para satisfacer os intereses comerciais, mais acabando coa diversidade e as trazas diferenciais do noso campo. E as cousas non sempre saen ben, tampouco para o gran capital, pois moitas desas sementes introducidas na Galiza non prosperan e os resultados son ruinosos, xa que o clima galego ou as características do solo pouco teñen a ver coas das zonas foráneas para as que foron deseñados eses híbridos comerciais.

Unha das entidades máis representativas da Galiza que están a velar pola conservación e recuperación das variedades tradicionais é a Rede Galega de Sementes. Os seus membros gardan as variedades tradicionais e facilitan a súa propagación a outras produtoras e produtores para a súa multiplicación. Contan cun banco de xermoplasma no que albergan unha importante cantidade de sementes catalogadas.

As principais variedades antigas e locais que conservan corresponden a especies hortícolas, froiteiras e forestais autóctonas, mais tamén promoven os usos tradicionais das plantas silvestres. A rede é un proxecto colaborativo e está formada por persoas a título individual e colectivos con interese en preservar e recuperar as variedades tradicionais. Ademais, organizan encontros de sementes nos que as persoas que teñen excedentes de sementes de variedades antigas poden trocalas por outras.

A Misión Biolóxica de Galicia é un centro do CSIC que se ocupa de estudar os principais cultivos do país. A liña xeral de investigación do centro é o estudo dos procesos xenéticos, bioquímicos, metabólicos, moleculares e ecolóxicos de relevancia que permitan facer a agricultura e a silvicultura galegas máis eficientes e sustentábeis. Na Misión trabállase na mellora xenética, de resistencia e produtividade de variedades tradicionais de millo, xudía, chícharo, brásicas (coles, grelos, nabicol…) e de especies leñosas como a vide, a oliveira, o piñeiro e o carballo.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sementar-sementarei-variedades-do-pais/20190703191225081518.html


© 2019 Sermos Galiza