Imprimir

Sentimentos encontrados

Ramiro Torres (AELG) | 05 de xullo de 2019

augar.- (Á marxe de significados máis comúns) Devecer por algo intensamente, especialmente por un produto gastronómico.

Exemplo: “O rapaz auga pola marmelada de cereixas”

Lugar de escoita.- Escudeiros (Ramirás).

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Outros apuntamentos: A fonte sinala como expresión relacionada ser un augado: "é un augado pola marmelada de cereixa".

 

axocada/o.- Alterada/o, con respiración traballosa, ben por un esforzo, ben por unha emoción.

Exemplo: “Vino todo axocado tras subir as escaleiras.”

Lugar de escoita.- Valdoviño.

Fonte.- Mario Caneiro.

 

engucio.- Engolemia, desexo esaxerado por algo.

Exemplo: “Parade de falar de doces, que me estades metendo engucio deles!”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

 

estartamelar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mirar cos ollos moi abertos, con sorpresa.

Exemplo: “Cando viu o coche novo no garaxe, estartamelou os ollos.”

Lugar de escoita.- Comarca de Navia de Suarna.

Fonte.- ENDL de Navia de Suarna.

 

meter unha entrega.- Perda ou prexuízo importante.

Exemplo: “Vaia entrega nos meteron!”

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada.

 

quedar como varela.- Quedar abraiada/o a consecuencia dunha acción que non se deu como se esperaba.

Exemplo: “Pensaba ganar e rematou o último. O pobre quedou coma varela.”

Lugar de escoita.- A Pobra do Caramiñal.

Fonte.- Paulino Vilasoa Boo.

 

ter boa saia.- Saber falar con retranca e bo humor.

Exemplo: “Ti tes boa saia!”.

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/sentimentos-encontrados/20190704165323081567.html


© 2019 Sermos Galiza