Imprimir

#sermos173: autó[email protected], unha carga excesiva

F.C. | 25 de novembro de 2015

Máis unha semana xa temos na rúa un novo número de Sermos Galiza, o número 173. Nesta ocasión, tratamos a precariedade do autoemprego, o dereito ao ensino para doentes, do ensino público, da citación de Xavier Vence e Bieito Lobeira por parte da Audiencia Nacional como testemuñas; entrevistamos Carlos Callón e Antón Gómez Reino... e moito máis. Xa na nosa loxa.

Neste novo número, abrimos cunha reportaxe sobre o autoemprego, no que damos conta da precariedade e do castigo fiscal que padecen as persoas autónomas no país. Cada vez, son menos quen se animan a traballar por conta propia. Son 20.000 as persoas cotizantes que deixaron de ser autónomas desde o comezo da crise.

Tamén recollemos a información das citacións de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, por parte da Audiencia Nacional como testemuñas no marco do proceso aberto contra dirixentes de Causa Galiza. As súas declaracións terán lugar a seis días das eleccións. Bieito Lobeira dános a súa impresión sobre a citación do xuíz Eloy Velasco.

Mergullámonos na precampaña eleitoral coas entrevistas aos números 1 pola circunscrición da Coruña por Nós, Candidatura Galega, Carlos Callón, e por En Marea, Antón Gómez Reino, “Tone”. Os cabezas de lista cóntannos como afrontan a campaña e cales van ser as prioridades de saíren elixidos deputados no Congreso. Nas conversas, Callón defende que Nós é “a única opción que vai dar voz aos problemas da Galiza” e Antón Gómez Reino explícanos que “se non hai maioría de cambio, temos que aspirar a que haxa reformas constituíntes”.

“O dereito ao ensino cando se ten cancro” é outra das reportaxes que incorporamos neste número e que abordan as reclamacións das familias e das ANPAS. Tamén recollemos a testemuña de Nieves Vilar, a nai de Hadrián, o rapaz de 11 anos que padece leucemia, e que encarna a loita en defensa da atención educacional domiciliaria.

Tamén entrevistamos Adriel Juncal, acusado dun presunto delito contra a autoridade após participar nunha manifestación convocada en Vigo contra a LOMCE. Cóntanos que se sente “unha cabeza de turco” e denuncia que a súa detención “foi ilegal”. Amais, falamos con Najeeb Amado, o secretario xeral do PCP e membro do Comité Executivo do Movemento Continental Bolivariano, quen sinala que “o golpe no Paraguai deu paso a unha restauración conservadora con tinte terrorista”.

O Sermos 173 tamén se fai eco dos protestos do persoal da Xunta de Galiza en Pontevedra e Compostela; de Zulema González, a primeira árbitra galega que dirixe un partido de categoría estatal; e da situación política en Portugal. Cincuenta e catro días após as eleccións, o país luso terá, finalmente, un goberno progresista.

Reflexión sobre a demolición da educación pública

Amais, recollemos unha reflexión de Xavier Seoane sobre a demolición da educación pública; viaxamos co colectivo Xea ao bosque dos Coruxos e tratamos o auxe da regueifa. Entrevistamos Terbutalina, que nos confesan que do que máis gostan é de subir ao escenario, suar e baixar do escenario, e publicamos un Lugo é Letras dedicado a Uxío Novoneyra que escribe Antón Lopo.

No que respecta ao A Fondo, nesta ocasión centramos o foco nos Mártires de Sobredo, cun número que coordina Marga Do Val
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/comunidade-sermos/sermos173-autonom-s-carga-excesiva/20151125221637042710.html


© 2019 Sermos Galiza