Imprimir

#Sermos313: novo curso, vellos recortes

Redacción | 12 de setembro de 2018

Entrevistamos Reimundo Méndez, presidente comité CRTVG, e a escritora Cris Pavón; falamos do negocio do xogo en Galiza, debullamos por que as pensións galegas son as máis baixas do estado… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa e a partir desta quinta feira nos puntos de venda habituais.

 

Comezado o curso nas etapas de Educación Infantil e Primaria e a uns días de que principien as aulas para o estudantado da ESO e FP, a mudanza de Goberno en Madrid non se ten traducido nun novo rumbo para o ensino obrigatorio. A intención de volver á LOE e xestos como a idea de retirarlle á materia de Relixión o valor académico outorgado pola Lomce non se substanciaron aínda en avanzos reais que permitan reverter as políticas que nos últimos anos supuxeron recortes e recentralización. Curso 2018-2019: a vida segue igual‘.

 

‘Redescubrir Bautista Álvarez’. O 16 de setembro de 2017 deixábanos fisicamente Bautista Álvarez. Porén deixábanos en herdanza o exemplo dunha militancia a proba de lume e o capital ideolóxico dunha persoa que participou na construción da proposta teórica do nacionalismo nos últimos sesenta anos. Estamos, ao fin, diante dunha persoa por coñecer.

sg313

 

Entrevistamos Reimundo Méndez, presidente do comité intercentros da CRTVG: “A CRTVG é como a sanidade e educación, un servizo público esencial”.

 

‘Feixóo mantén a retórica galeguista’. Nas primarias do PP estatal que entregaron a Pablo Casado as chaves do despacho de Raxoi na Rúa Génova, Feixóo moveuse cun calculada cautela: apoio, si, mais non explícito. A razón? Non condicionar en exceso a liña política do PPdeG á deriva dereitista e españolista que Casado representa.

 

‘A batalla polas cidades’. A escasos nove meses da cita coas municipais de 2019 as diferentes organizacións perfilan estratexia e candidaturas para unha das batallas centrais, a centrada nas cidades, as prazas con maior peso e relevancia. Após a sacudida das eleccións de 2015, como se presentan as do vindeiro mes de maio?

 

‘Portugal: Ofensiva sindical para exixir aumento dos salarios’. A CGTP-IN reclama subas salariais de 4% para enfrontar o aumento do custo da vida.

 

A discusión sobre que rumbo ha tomar o proceso soberanista enmarcou a celebración dunha Diada excepcional. A primeira desde o referendo independentista do 1-O e da, inda non efectivizada, proclamación da República catalá. ‘Unha Diada masiva entre a resistencia e contraofensiva’.

 

‘O negocio do xogo en Galiza’. Coa crise económica o sector do xogo viu como o seu negocio caía até en 24%. Mais iso é pasado. O presente é o do boom das apostas deportivas e do xogo on-line, as facilidades de acceso a créditos instantáeos, o desembarco de máquinas de aposta e azar en locais de hostelaría... Todo iso fai que o sector volva mover moitos millóns de euros. O xogo presencial aumenta a un ritmo anual de 3-4% e o on-line e apostas abeira 15- 20% de incremento. Mentres, o número de galegos e galegas adictas ao azar duplicouse en dous anos.

sg313b

 

Un dos problemas crónicos do modelo socioeconómico de Galiza son as pensións. Desde que existen rexistros estatísticos, este tipo de prestacións –principalmente as de xubilación, por seren as máis numerosas- sitúanse, invariabelmente, no comboio de cola do Estado: un pensionista galego cobra, de media, 809,90 euros, segundo os últimos datos dispoñíbeis, correspondentes a agosto, o que supón 146 euros menos que a media estatal. A comparativa é aínda máis desfavorábel no caso vasco. Alí, un pensionista cobra perto de 1.190 euros ao mes. ‘Xubilacións de supervivencia’.

 

Cris Pavón (A Coruña, 1962) é unha autora do norte transplantada con ben en Vigo, onde traballa como profesora de informática. Após un longo proceso, a que fora a súa primeira novela, ‘Limiar de conciencia’, viu a luz en 2017 da man de Urco Editora. Pero o tempo intermedio non foi perdido, no 2014 saía na mesma editora ‘Sangue 12’ e ese mesmo ano gañaba o premio Carvalho Calero co libro de relatos ‘A orixe perdida das especies’ (Laiovento, 2015). “É preciso un certo valor para encarar o proceso de escribir e desbotar”.

 

‘O erotismo asolaga os xardíns de Allariz’. A vila acolle desde maio a novena edición do seu Festival Internacional de Xardíns, que acumula xa máis de 33.000 visitas. A erótica é o tema principal deste ano, e un labirinto de sedas, cores e texturas enche os 20.000 metros cadrados á beira do río Arnoia. As instalacións artísticas dos 11 paisaxistas abren as cancelas para explorar doce parcelas que son, ao tempo, xardíns e refuxios de intimidade nos que o orgánico e os sentidos rozan os dedos. Para as máis atrasadas aínda fica tempo, a mostra pechará o 31 de outubro.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pilar García Negro, Tokio e Nachortas, Xavier Queipo, Distrito Xermar, Francisco castro, Mercedes Espiño, Iolanda Zúñiga, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Miriam Ferradás.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos313-novo-curso-vellos-recortes/20180912183916071999.html


© 2019 Sermos Galiza