Imprimir

#Sermos317: do país imaxinario á crúa realidade

Redacción | 10 de Outubro de 2018

Máis un semanario saído do prelo. Entrevistamos o deseñador Pepe Barro, a portavoces da Assemblea Nacional Catalana e de Gure Esku Dago; debruzámonos na privatización da sanidade galega, contamos como o mundo literario de Méndez Ferrín viaxa ao circo… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

A comercialización da sanidade galega mantense a velocidade de cruceiro. A externalización de servizos, os concertos económicos ou o financiamento público-privado constrúen un modelo sanitario cuxa primeira pedra púxoa Manuel Fraga en 1995 e que se nutre do desvío de inxentes cantidades de diñeiro público. ‘A venda da sanidade galega’.

 

‘25.000 mortes en Galiza pola gripe de 1918’. A pandemia viuse favorecida pola ausencia de medios, as dificultades que atravesaba a sociedade galega e a falla de vontade política.

sg317

A primeira revisión do plano forestal de Galiza, en vigor desde 1992, ameaza con cronificar un modelo ao servizo da industria madeireira e pasteira. ‘A batalla contra o plano forestal’.

 

‘As mártires de Cans, un exemplo de tantos’.  O 12 de outubro é día de reivindicación na Galiza, un día para render homenaxe ás seis vítimas mortais masacradas en Nebra (Porto do Son) pola Garda Civil cando se manifestaban contra un gravame inxusto e abusivo. A autora do ensaio Mulleres en loita a comezos do século XX recupera non só ese episodio nesta peza.

 

Os debates do estado da nación da Era Feixoo cínguense a unha escaleta na que o presidente comparece no Parlamento para enumerar as diversas actuacións desenvolvidas nos departamentos, anunciar unha serie de promesas estrela (que adoitan repetirse ano tras ano), e cargar con dureza contra a oposición. Fóra de cámara fica debate tras debate, repróchalle a oposición, a “Galiza real” así como ideas e propostas á altura dos retos do país. ‘Galiza no país das marabillas versus a Galiza real’.

 

‘Podemos encara a súa asemblea mirando de esguello a En Marea’ A III Asemblea Cidadá culminará o 25 de outubro coa elección dunha nova dirección na formación morada.

 

"O dereito a decidir significa afondar na democracia". Entrevistamos Unai Lizaso, da secretaría nacional de Gure Esku Dago, que viaxou a pasada semana a Galiza para participar nos actos da plataforma Vía Galega en conmemoración do IX Congreso das Nacionalidades Europeas. Unha cita á que tamén acudiu  Pep Cruanyes, vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana, con quen tamén falamos neste número: “A sociedade civil ten as cousas máis claras que os partidos”.

 

A esquerda brasileira ten por diante o reto de reverter os 20 puntos de vantaxe que o candidato da ultradereita, Jair Bolsonaro, logrou na primeira volta electoral. A cuestión económica e social será a baza fundamental da campaña de Haddad de aquí ao 28 de outubro. ‘Haddad aposta nunha “ampla alianza democrática” para derrotar Bolsonaro’.

Sen titulo

‘A soberanía como dique contra a ditadura do mercado’. Os máximos dirixentes dos sindicatos nacionalistas CSC, ELA e CIG veñen de departir na Galiza ao redor da soberanía como ferramenta fronte ao neoliberalismo. Un debate, convocado pola Fundación Galiza Sempre, no que tamén tomou a palabra o profesor Andrés Piqueras.

 

A vendima na Galiza é un traballo cunha temporalidade moi alta. Estudantes e persoas paradas de longa duración son das máis habituais ao pé de viña. Co aumento do rendemento nas explotacións máis grandes, medrou a demanda de man de obra. Novos actores de contratación e captación de traballadoras e traballadores, como as Empresas de Traballo Temporal, estanse a introducir neste sector nos últimos anos. ‘As mans que vendiman’.

 

Cantos na Maré, o festival internacional da lusofonía, desenvólvese desde esta quinta feira e até o domingo en Pontevedra. Este ano estrea formato, que se abre a novos públicos e a outros estilos musicais. Coñecemos as claves da actual edición.

 

Entrevistamos Pepe Barro,deseñador que,  decidiu, por fin, publicar un libro. Un libro que bebe dos artigos que quincenalmente escribe para a sección “Botar un ollo” do semanario Sermos Galiza, cuxo redeseño impulsou en 2016, e que recollen as claves históricas do deseño gráfico no país. “O deseño gráfico ten que cumprir e ter unha calidade, unha chispa, para que enganche o ollo e o intelecto das persoas destinatarias”.

 

‘Arnoia, Arnoia’ é unha novela de aventuras, épica como corresponde ao seu autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. A compañía Pistacatro e o Centro Dramático Galego, con dirección de Quico Cadaval, lévana ao circo. Sermos Galiza asiste a un dos últimos ensaios antes da estrea. ‘O mundo literario de Méndez Ferrín viaxa ao circo’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pilar García negro, Xavier Queiruga, Mario Regueira, Francisco Castro, Andrés Castro, Rábade Paredes, Miriam Ferradáns, Tokio e Nachortas…

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos317-do-pais-imaxinario-crua-realidade/20181010183359072760.html


© 2018 Sermos Galiza