Imprimir

#Sermos329: cando a universidade é un negocio

Redacción | 09 de Xaneiro de 2019

O desembarco da universidade privada en Galiza, a conflitiva situación da sanidade, como a Xunta patrocina as matanzas “deportivas” de raposos... odo isto e moito máis xa neste número, onde tamén entrevistamos Isabel Risco ou debullamos o incerto asalto das dereitas aos concellos. Xa na nosa loxa.

Unha universidade privada na Galiza? É moi probábel co proxecto universitario de Abanca no horizonte do curso 2021-2022. Porén, os estudos universitarios privados xa son unha realidade no país desde hai anos, agochados na oferta dos centros adscritos a algunha das tres universidades galegas e cuxos prezos chegan a cuadriplicar, por ano, o das titulacións en facultades públicas. ‘Unha universidade de luxo’.

 

‘Aberta a veda para un novo masacre “deportivo”. Por volta de 75.000 raposos foron abatidos entre 2011 e 2017. Este sábado, os montes de Cerdedo Cotobade acollerán o vixésimo sexto Campionato Provincial de Raposo de Pontevedra, unha iniciativa organizada coa colaboración da Federación Galega de Caza, entre outros organismos e entidades, da Xunta e da celulosa Ence. A proba ten suscitado fortes críticas entre os colectivos animalistas e medioambientalistas, que a cualifican de “auténtica barbaridade”.

sg329

A coñecida como serofobia, o estigma e a discriminación cara ás persoas con VIH, segue a existir. A isto engádeselle a autoestigmatización, que acontece cando unha persoa con VIH acepta as ideas negativas e estereotipos sobre o virus e comeza a aplicalos a si mesmo. Explícannolo distintas voces, que apelan a acabar con estas actitudes discrimintarias. ‘VIH, o estigma aínda pervive’.

 

‘A conflitiva situación da sanidade’. As augas da sanidade pública galega baixan axitadas. Logo de case dez anos de recortes e reconfiguracións de carácter neoliberal, os conflitos, as protestas, as dimisións, estálanlle ao Sergas practicamente cada semana. O último, a folga indefinida nos PAC.

 

‘O tripartito de dereitas non suma na Galiza’ A tripla alianza non suma na Galiza. Os dados fornecidos polas diferentes sondaxes coñecidas nas últimas semanas coinciden en sinalar que só as nacións sen estado resisten a enxurrada reaccionaria que abanea o Reino de España. Os vindeiros procesos electorais de 2019 sacaranos de dúbidas.

 

A onda expansiva dos coletes amarelos, o informe e acéfalo movimento social que está a pór contra as cordas Emmanuel Macron, ten todo o aspecto de estar a piques de saltar as fronteiras do hexágono galo. Sahra Wagenknecht, líder da plataforma esquerdista alemá Aufstehen (Erguerse), promete moita acción nas rúas neste 2019. ‘Os coletes amarelos animan a esquerda alternativa alemá a tomar as rúas’.

 

‘Bolsonaro já começou a destruir’. Não por acaso Jair Bolsonaro foi parabenizado por Donald Trump o mesmo dia em que assumiu a presidência da República Federativa do Brasil. A agenda é muito semelhante: cortes nos direitos sociais, férias fiscais para os ricos e vexames para a população LGBT.

Sen titulo

‘Está a sociedade preparada para decrecer?’ Non é un fenómeno novo, nin tampouco un concepto recente. Nin moito menos. A teoría do decrecemento enerxético leva décadas circulando –certo é que en esferas reducidas nos seus primeiros momentos– polo mundo enteiro. Mais hoxe xa é un movemento que, ademais de ser quen de aglutinar moitas entidades e persoas preocupadas por un modelo de consumo baseado nas fontes de enerxía non renovábeis, está a medrar a cada paso que dá.

 

Galiza veu minguar os seus depósitos bancarios en 460 millóns de euros en apenas tres meses. Unha dinámica contraria á rexistrada neste tempo por boa parte dos territorios do Estado español, incluída Catalunya, que nestes meses foi posta como exemplo de perda de fondos de aforradores por mor do procés. ‘A fuga de depósitos bancarios na Galiza’.

 

‘O campo de concentración de Cedeira’. Comezamos con esta crónica unha viaxe polos campos de concentración operativos na Galiza do primeiro franquismo. A memoria dos milleiros de persoas que pasaron polos mesmos pero tamén a verdade histórica obrígannos a recuperar está páxina do terror fascista. O campo de Cedeira, estudado por Xosé Manuel Suárez, é a nosa primeira parada no camiño

 

“A chave de todo é o público” confésanos Isabel Risco, con quen conversamos neste número. Risco (A Coruña, 1975) é sinónimo de vitalidade. Unha enerxía que desprende en cada papel que interpreta ora no audiovisual ora no teatro. Nas últimas semanas, percorreu Galiza con ‘Estás aí?’, de Redrum Teatro, e continúa xirando con ‘O Furancho’, de Ibuprofeno Teatro –o 26 de xaneiro estarán en Cedeira e do 21 ao 24 de febreiro no Salón Teatro de Compostela–.

 

‘Os museos de arte contemporánea entran en zona descoñecida’. As mudanzas no Marco de Vigo e o anunciado peche do Museo de Arte Contemporánea Naturgy da Coruña son os dous últimos síntomas dunha crise, a dos centros de arte contemporánea, que evidencia algunhas problemáticas de orixe.

Sen tituloAF

Non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pilar García Negro, Xavier Queipo, Nachortas, Tokio, Iago Varela, Merdedes Espiño, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Arancha Nogueria, Miriam Ferradáns, Iago Varela.

 

Afondo: Isidro Novo e as súas palabras con memoria

 

Este caderno quere homenaxear o inmenso traballo feito por Isidro Novo na sección Palabras con Memoria, iniciativa da AELG que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción, así como palabras e expresións que non recollen os dicionarios. A seguir recollemos a súa propia visión sobre o proceso de creación, deseño e xestión da sección, para, posteriormente, achegármonos ás últimas entregas preparadas por el antes do seu pasamento, inéditas até agora. Finalmente, Antonio Reigosa e Cesáreo Sánchez fálannos sobre o incansábel labor de Isidro, tecedor de mundos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos329-cando-universidade-negocio/20190109183154075117.html


© 2019 Sermos Galiza