Imprimir

#Sermos333: A sanidade pública, na UCI

Redacción | 06 de febreiro de 2019

Desde 2009 a sanidade pública galega sufriu un tesoirazo de 2.200 millóns de euros. Un recorte que ten como principal consecuencia o deterioro da calidade asistencial. Ás listas de agarda súmanse médicas e médicos que atenden máis de 60 doentes á xornada; PAC desmantelados; feche de camas; abandono da Atención Primaria... analizámolo no número 333 do semanario Sermos Galiza, xa dispoñíbel na loxa.

Co solpor da cuarta feira chega un novo número do semanario Sermos Galiza, xa á venda na loxa e a partir desta quinta nos quiosques e nas casas. Abrimos o Sermos 333 cunha reportaxe que radiografía a sanidade pública con motivo da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o domingo, día 10, en Compostela.

 

Na sección de Sociedade recollemos outro tema relativo á sanidade: a investigación pioneira dun grupo de investigadoras e investigadores galegos sobre o uso de nanopartículas nos tumores cerebrais, cando vén de conmemorarse o Día Mundial contra o Cancro. Aliás, a próxima segunda feira, día 11, terá lugar o Día Mundial da Muller na Ciencia e con tal motivo entrevistamos a divulgadora científica Joana Magallaes.

 

Non nos afastamos da sanidade na sección de Economía, que abrimos cunha información sobre o conflito laboral que padecen as traballadoras e traballadores do sector das ambulancias. Ademais, publicamos unha reportaxe sobre as galegas e galegos máis morosos con Facenda.

 

Unha ollada ás eleccións municipais desde Vigo e unha análise sobre a situación que vive Podemos na Galiza son os temas que ocupan esta semana Política. En Internacional afondamos no contexto venezolano da man de Duarte Correa, licenciado en Xeografía e Historia e especialista en América Latina.

 

O Fóra de Serie recupera a memoria das mestras galeguistas represaliadas, unha temática na que afondarán as xornadas da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a AS-PG, e lévanos a coñecer a cineasta Diana Touceda, que este domingo presentará en Numax (Compostela) o seu filme Trinta lumes. Neste número escriben, ademais, Míriam Ferradáns, Carme Adán e Vitor Vaqueiro.

 

En canto á crítica, Mario Regueira afonda en Campo Aberto, de César Souto Vilanova e Andrés Castro fai o propio con Cold War. O colectivo XEA convídanos a visitar o miradoiro de Pedra Pinta e Merche Espiño ínstanos a probar a torta de chocolate branco e crema limón. Un novo capítulo da serie “Dos campos do terror”, co centro de internamento de Padrón, os petiscos de letras e mais o selfie do chef Carlos J. González, de ‘A Mázcara’, completan o Fóra de Serie.

 

A respeito de Opinión, neste número publican María Pilar García Negro e Xavier Queipo e asinan os cadriños Nacho Hortas e Tokio. En “A ollo nu”, Xoán Costa escribe “Um livro para dar a volta ao mundo”, sobre a exposición “Em demanda da biblioteca de Fernão de Magalhães”.

 

Acompaña o semanario o Comprendermos, suplemento da Fundación Moncho Reboiras.

 

[Podes ler o semanario nesta ligazón ou adquirilo nos quiosques e puntos de venda habituais a partir da quinta feira, día 7]

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos333-sanidade-uci/20190206192534075826.html


© 2019 Sermos Galiza