Imprimir

#Sermos336: A forza do entroido galego

Redacción | 27 de febreiro de 2019

Boteiros, cigarróns, madamas e galáns, felos, folións... xa levamos días de entroido e no semanario en papel Sermos Galiza celebrámolo con páxinas especiais que recollen o esplendor dunha das festas con máis tradición no país. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques.

Cando o último monográfico “De Nós”, editado por Sermos Galiza, “Antroidos e máscaras na Galiza rural”, con imaxes do fotógrafo Alfonso García Santos, chega ás librarías, o semanario Sermos Galiza dedica o seu semanario en papel a esta festa. E é que nos próximos días o país ferverá con entroidos ao longo da xeografía.

 

O Tema de Primeira dedicámolo ás orixes dunha das festas máis esperadas do calendario. Consultamos ao respecto con Felipe-Senén, con Rafael Quintía e con Xosé Ramón Mariño Ferro.

 

Por outra banda, o autor de O carnaval en Galicia ou de A festa do Entroido, Federico Cocho, alude nunha entrevista ao difícil equilibrio entre os entroidos tradicionais e o turismo. Tamén dedicamos unha reportaxe á cocina característica desta temporada, en que abundan os cocidos e as filloas e orellas como sobremesa.

 

Na sección sobre política analizamos as perspectivas electorais para Ourense e a situación de febleza organizativa de Ciudadanos na Galiza.

 

Unha análise sobre a convulsa situación política en Venezuela e outra sobre a dereita española conforman Internacional.

 

O Fóra de Serie abrímola desta vez cunha reportaxe sobre as 55 igrexas de orixe románica que a Xunta de Galiza deixou fóra na declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural e cunha entrevista a Xosé Manuel Budiño, que estrea disco o 15 de marzo na Sala Capitol (Compostela).

 

@mame. Pensar o amor no século XXI, de Chis Oliveira e Amada Traba (Galaxia) é o libro en que centra a súa crítica semanal Mario Regueira. Andrés Castro fai o propio co filme O Refén. Montse Pena Presas analiza para Sermos Galiza a nova obra de Iria Collazo A casa do paralelo 54, que leva ilustracións de Luz Beloso.

 

Aliás, Xoán Costa resgata Dina Salustio na sección sobre autoras da lusofonía “Das africanas praias” e Xulio Carballo escribe sobre o novo número de A viñeta de Schrodinger.

 

O selfie desta semana protagonízao a cantautora MJ Pérez, cuxo tema “Malaxente” fíxose viral.

 

As opinións do número 336 de Sermos Galiza asínanas Marga do Val e David Otero. Como cada semana, os cadriños son autoría de Tokio e Nacho Hortas. Comparten páxina con “A ollo nu”, de Xoán Costa, que escribe sobre a bandeira galega.

 

Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos336-forza-do-entroido-galego/20190227183725076561.html


© 2019 Sermos Galiza