Imprimir

#Sermos359: Mártires da Liberdade

Redacción | 14 de agosto de 2019

O semanario Sermos Galiza en papel suma 359 números e adianta a súa saída por mor dos feriados da semana. O Día da Galiza Mártir é o gran protagonista da edición.

Como unha homenaxe aos mártires da liberdade. Así é como se presenta o número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, dispoñíbel na loxa a partir da noite da terza feira e nos quiosques e puntos de venda habituais a partir da cuarta. E é que esta semana, para evitar atrasos na distribución por mor dos feriados, Sermos Galiza adiantou a súa saída.

Dedicamos as primeiras páxinas do número ao Día da Galiza Mártir, cunha infografía que recolle a meirande parte de actos que se van desenvolver por toda a nación. En Opinión, alén do “A ollo nu” que cada semana asina Xoán Costa, e do cadriño de Tokio, publicamos os artigos de Iria Veiga e Guillerme Vázquez.

Continuamos co Día da Galiza Mártir en Sociedade, onde o historiador Xosé Ramón Ermida dá conta de persoas que, segundo documentación da época, participaron nas torturas a represaliados. Sociedade tamén inclúe unha reportaxe sobre festas sen identidade, tomando como exemplo a Oktoberfest.

En Economía, ademais de dar conta dos sectores que anunciaron folgas para os próximos días, publicamos unha información sobre a potencia aeronáutica da Galiza.

Política comeza cunha análise sobre a situación interna do PP na Galiza e continúa cun painel de portavoces da Deputación de Ourense. Con el poñemos punto final ás opinións dos e das representantes dos partidos políticos nos catro entes provinciais.

En Internacional, coñecemos de primeira man a Revolución Sandinista e ollamos a Nicaragua 40 anos após.

Fóra de Serie abre, nesta ocasión, co relato de verán que se enmarca na sección “Un verán en Galeusca” e que comparten Sermos Galiza, Berria e Vilaweb. Esta semana podemos gozar co relato do vasco Iban Zaldúa. A entrevista é para o cineasta Carlos Conceição, un dos protagonistas do Festival de Curtas de Vila do Conde.

Mario Regueira convídanos a ler Parangolé, de Pablo Fidalgo, e Andrés Díaz dá conta do filme Alita: anxo de combate. Conclúe o Fóra de Serie cunha nova entrega de Galiza no mapa, onde Cilia Torna nos descobre unha cartografía de 1453.

Acompaña o Sermos Galiza un novo Caderno de Verán. Trátase nesta ocasión dun monográfico sobre o Concello de Bueu.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos360-martires-da-liberdade/20190813150120083085.html


© 2019 Sermos Galiza