Imprimir

#Sermos326: Xa vén o Apalpador!

Redacción | 12 de decembro de 2018

Máis un número do semanario saído do forno: a popularización do Apalpador, as ferramentas contra o femenicidio, a loita pola reversión da riqueza hidráulica, entrevistamos Xulio Ríos, director do Observatorio de Política Chinesa; e Vudú, o ‘soulk’ galego. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

 

Non hai moitos anos, coincidindo co día de San Silvestre, nas aldeas do Courel preparábanse para a visita do Apalpador. Viña sempre tras a celebración familiar da Noite Vella. As nenas e os nenos marchaban axiña para a cama e cando aínda non lles dera tempo a prender no sono, baixaba o carboeiro da devesa para apalparlles a barriga, deixarlles unha presa de castañas e desexarlles un ano novo cheo de fartura. Desde antigo, o rito facíase cadrar co solsticio de inverno. Hoxe perdura como expresión cultural propia. ‘Xa vén o Apalpador!’.

 

A área de Igualdade da Deputación da Coruña recibe un premio pola Rede de Acollida de Mulleres en Situación de Violencia de Xénero e activa programas para a prevención desde a mocidade. ‘Ferramentas para frear o feminicidio’.

 

‘3,2,1… un diario en galego!’ Comeza a conta atrás para acadar as últimas presubscricións que permitan facer realidade un diario en papel en galego e Sermos Galiza S.A. fai un último esforzo para socializar unha campaña que ten que cristalizar en 3.000 asinantes. O mellor agasallo para este Nadal: a presubscrición á única opción diaria que haberá nos quiosques en galego. Facelo posíbel depende de todas e cada unha de nós.

sg326

Após os dous vetos do Goberno de Raxoi, á terceira foi a vencida. O Congreso dos Deputados admitiu a trámite, co único voto en contra de Ciudadanos, a proposición de lei do Parlamento galego para transferir a AP-9 a Galiza. Porén, non é o final senón o inicio dun camiño no que faltan por concretar as condicións e termos dun traspaso demandando pola práctica totalidade da sociedade galega. ‘45 anos despois, cara a unha AP-9 galega’.

 

‘Repesca de veteranos e novos rostros no PSdeG urbano’ As eleccións primarias e o resgate dun veterano como Sánchez Bugallo en Compostela marcan a oferta para as cidades dos socialistas galegos. As municipais do vindeiro maio serán a primeira proba electoral de Caballero.

 

Se ollamos China cos óculos occidentais non entenderemos nada. E se queremos entender algo sobre a evolución do xigante asiático non é má idea botarlle un ollo á obra de Xulio Ríos (Moaña, 1958), director do Observatorio de Política Chinesa. Entrevistámolo neste número do semanario: “Ninguén agarda a aparición dun Gorbachov no seo do Partido Comunista de China”.

 

‘Os coletes dinamitan a ortodoxia europea’. Desde o 17 de novembro Franza vive abalada por un movimento de base popular, de perfís difusos e en aparencia sen dirección política centralizada. Infravalorado polo Eliseo nos seus primeiros compases, acabou por acurralar Emmanuel Macron. Con vistas a desactivar os protestos, o xefe de Estado francés parece disposto a prescindir das receitas de Bruxelas.

 

As xuntanzas entre sindicatos e empresa na compañía pública ofrecen tímidos avances, pero a parte social esixe maior concreción á dirección se esta quere evitar a folga do 19-D. ‘O comité esixe concreción á cúpula dunha CRTVG ao bordo da folga’.

 

‘Reverter a riqueza hidráulica galega para o público’. Nutrimos coas concesións públicas nos nosos ríos o negocio de grandes compañías enerxéticas foráneas e dos seus accionistas. Unha realidade favorecida por un réxime de explotación hidráulica máis propio do século XIX e perante a cal están a alzarse voces pedindo a reversión para o público de saltos e encoros.

Sen titulo

‘A lección da escola asasinada polo fascismo’. A escola republicana era unha muller que quería cambiar as cousas, que sabía que o ensino era unha das mellores armas para acabar coa desigualdade. Por iso, o misóxino franquismo descargou sobre ela a súa ira. Baleirouna de coñecemento para enchela de crucifixos e desbotou das súas aulas a xente comprometida. A represión sobre a escola foi o maior dos castigos, pero hai leccións que é imposíbel borrar da historia.

 

Falamos con Belem Tajes e Maritxina Gómez, de Vudú. Tras dous EP, presentan o seu primeiro álbum longo, Vudú vol. III, no que consolidan un estilo propio marcado por letras que proceden da música tradicional con harmonías de soul e R&B. “Non debería ser un trauma para ninguén escoitar música en galego e para a rapazada escoitar música en galego non é a primeira opción”.

 

‘A rebeldía contra Castela das fillas de Pardo de Cela’. O asasinato de Pardo de Cela en 1483 por orde dos Reis Católicos non representa a derrota definitiva da rebelión galega contra Castela. As súas fillas Beatriz e Constanza de Castro darán continuidade á loita do pai, non desmerecendo o valor e a perseveranza do seu predecesor. A primeira mantivo a lealdade á causa pola que morreu seu pai coas armas na man até 1487, morrendo a segunda en combate coas forzas castelás no castelo de Caldaloba en 1484.

 

Ademais, as achegas e opinións de Xoán Costa, Luz Darriba, Nachortas e Tokio, Mercedes Queixas, Rosa Conde, Iago Varela, Julián Bustelo, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Casstro, Jasper Nao, Pepe Barro.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermosos326-xa-ven-apalpador/20181212181308074552.html


© 2019 Sermos Galiza