Imprimir

Sinaturas de profesionais sanitarios contra a masificación de cotas e consultas

Redacción | 14 de febreiro de 2019

Entrega de sinaturas.
Entrega de sinaturas.

Un total de 280 sinaturas recollidas en 35 centros de saúde da área sanitaria coruñesa para demandar máis persoal e medios e unha aposta na Atención Primaria.

Os profesionais da sanidade pública galega continúan a moverse contra o deterioro e precarización do servizo público. Desta volta é o colectivo de médicos de Atención Primaria da Coruña, que reuniu 280 sinaturas de profesionais sanitarios en 35 centros de saúde da área sanitaria coruñesa, de Vimianzo e Zas a Elviña, Labañou ou Mallos, pasando por Malpica, Laxe, Camelle ou Camariñas, entre outros.

 

As sinaturas, entregadas no Sergas acompañadas dunha táboa reivindicativa, contemplan diversas demandas. O incremento do orzamento que se destina a Atención Primaria até 25% (agora non chega 13%), o aumento de prazas médicas para acabar coa masificación das cotas e consultas e a fin da política de precariedade laboral e de persoal son algunhas das reivindicacións.

 

Mais non son as únicas demandas. Piden tamén a modificación da Lei Galega de Saúde para que na estrutura de xestión da mesma haxa unha dirección de Atención Primaria “do mesmo nivel que a dirección hospitalaria e teña capacidade de xestión propia”. Tamén se propón nese documento a creación dun Grupo para a mobilización da Atención Primaria na área coruñesa, para alén de manifestar o apoio á reivindicación do persoal dos PAC. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sinaturas-profesionais-sanitarios-masificacion-cotas-consultas/20190214130548076093.html


© 2019 Sermos Galiza