Imprimir

"As soberanías, de corpos e de territorios, son retos globais con respostas locais"

A. Barbadillo | 06 de novembro de 2019

Iraitz Agirre é activista feminista (Ekaitz Filarmendi)
Iraitz Agirre é activista feminista (Ekaitz Filarmendi)
As xornadas Noutrén: Feminismo Poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo, celebran esta tarde a súa derradeira palestra, centrada nas estratexias para unha soberanía feminista. En Sermos Galiza falamos con Iraitz Agirre, membro da organización Euskal Herriko Bilgune Feminista e parte integrante do grupo que presentou en 2015 o Relatorio de Soberanía Feminista de Euskal Herria, do que dará conta durante o encontro. 

Que supón esa proposta?

Estamos falando dun proceso de reflexión co que definir un marco para a transformación, algo que entronca ben con estas xornadas, que falan de descolonizar corpos e territorios, porque nese sentido o entendemos: a soberanía levada practicamente a todos os procesos de opresión que sufrimos e formulada para facer fronte a esas opresións, que son múltiples e diversas. O marco de soberanía feminista de Euskal Herria danos un norte, que nin é ideal nin estático, mais si ofrece unha alternativa dentro dos procesos de soberanía, tanto individual como colectiva, nos que, se afondamos, podemos dar pasos adiante cara a unha sociedade moito máis feminista. Encadrámolo en Euskal Herria, onde historicamente vimos de loitas de soberanía en termos de colonialismo e de dependencia político-administrativa, se ben grazas á reflexión das compañeiras decoloniais de latinoamérica, vimos que isto non é suficiente, que esa decolonización ten que darse en moitos outros procesos, tamén a nivel individual. A soberanía alimentaria tamén nos da moitas pistas, grazas ás compañeiras agricultoras e gandeiras do mundo. A conclusión é que temos que procurar as alternativas desde nós mesmas e desde as nosas propias realidades.

Como se combinan soberanía nacional e feminismo?

Nós percibimos opresións de tres tipos, que son, na perspectiva clásica, a opresión de xénero, a nacional e a de clase. Hoxe en día, desde a interseccionalidade, estamos traballando neses suxeitos. Partimos das nosas xenealoxías e entendemos que os espazos máis próximos son os que realmente fan posíbeis as alternativas.  Estas soberanías, de corpos e de territorios, son retos globais, pero con respostas locais; é aí onde se entende a súa potencia. Nesa disquisición entre a axenda estatal e as axendas propias, penso que é importantísimo ter axendas propias. Volvendo á comparación coa soberanía alimentaria, diría que temos que pensar desde as nosas terras, os nosos recursos e as nosas realidades. Ás veces hai que ter axendas amplas, que nin son estatais senón globais, porque falamos de movementos globais, transversais, mais a panca social, autoorganizada, de redes próximas é fundamental para por o contrapunto, porque as alternativas danse nesas realidades concretas, nesa escala.

Para o feminismo os retos son todos, porque a crise sistémica que temos enriba, violenta, patriarcal e capitalista, está esnaquizando as nosas vidas 

Como se artellan eses movementos a menor escala para facerse transversais?

Hai que formular procesos de escoitarnos a nós mesmas. Os procesos nunca son ideais, teñen conflitos, pero todos os movementos sociais, feministas, que estamos tentando xerar alternativas debemos tender pontes, ou non haberá nada que facer para ser globais e transversais. Os axentes potencialmente transformadores somos os que temos que transitar cara a unha sociedade máis xusta. Todas esas ideas de emancipación, que poden ser de clase, de ecofeminismo ou mesmo nacionais, aliméntanse entre elas por ser, en todos os casos, procesos emancipatorios. Na cuestión nacional o salto xa está dado, porque non estamos falando de procesos identitarios senón de procesos emancipatorios, e isto ten sentido en tanto que se articula con outros deses procesos que buscan dar unha resposta a esta crise sistémica que temos a nivel  global, e que enfrontamos a nivel persoal e colectivo. Todos eles son marcos para a transformación cara a unha sociedade máis xusta. A articulación ten moita importancia e desde os feminismos temos que situarnos, porque as mulleres non seremos libres até que todas estas opresións caian.

Cales son, para vostede, os retos inmediatos do feminismo?

Son case todos, porque a crise sistémica que temos enriba, que é violenta, totalmente patriarcal e totalmente capitalista, está esnaquizando as nosas vidas. Desde esa urxencia debemos repensar e reactuar: repensar a nivel global, reactuar a nivel local. Xusto esta fin de semana participamos en Durango nas V Xornadas feministas de Euskal Herria, onde nos xuntamos 3.000 mulleres. Aí puidemos ver os retos, que son todos: falamos de alimentación, de modelo económico, de modelo social, de coidados… Temos que articular esa urxencia que vivimos en primeira persoa facendo corpo colectivo. Dentro del poderá haber distintas dinámicas, accións posicións e perspectivas, pero ese corpo colectivo e a articulación como suxeito político do movemento feminista é necesaria, e para iso necesitamos unha interlocución directa. Esa axencia política é importante, e as circunstancia que se están dando xusto neste momento a nivel, non só en Euskal Herría senón no estado, poden axudar. Son impulsos, despois as articulacións e o corpo colectivo teñen que ser encarnados de lugar a lugar e no espazo tempo concreto.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/soberanias-corpos-territorios-son-retos-globais-respostas-locais/20191106173035086390.html


© 2019 Sermos Galiza