Imprimir

“A sociedade civil é o elemento motor; fronte ás vacilacións, a sociedade civil empuxa”

Erik Dobaño | 09 de setembro de 2019

[Imaxe: ANC] Josep Cruanyes.
[Imaxe: ANC] Josep Cruanyes.
Josep Cruanyes (Masnou, 1952), historiador e avogado, presidente da Societat Catalana d’Estudis Jurídics, autor dunha historia de Catalunya e doutros estudos sobre os dereitos lingüísticos dos catalanfalantes, é desde 2018 o vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana (ANC). A entidade ultima estes días a Diada que se celebra o 11 de setembro. “As inscricións van a bo ritmo. Ha ser unha mobilización comparábel á do ano pasado”, di Cruanyes, que lanza unha imaxe de unidade e reafirma a vontade da sociedade catalá de continuar a loita. ‘Pola independencia’ é o lema da Diada 2019. 

Que espera a ANC desta Diada?
É un ano transcendental. A Diada é a nosa resposta a un xuízo e a unha sentencia que culminan un proceso de represión política contra unha ideoloxía. Diga o que diga a sentencia, o feito é que estamos diante dunha situación de anormalidade democrática. Entramos nunha nova fase e cómpre manter as mobilizacións. Diga o que diga a sentencia, a loita política pola independencia continuará.

Que lle parece que a cuestión catalá non sexa un asunto central nas negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos?
A Podemos preocupáballe a cuestión catalá. Pero parece que agora ese asunto decaeu na súa axenda. E Pedro Sánchez vén dicindo que a cuestión catalá é un problema interno de Catalunya, algo así como un enfrontamento entre a poboación... Dicir iso é non querer afrontar politicamente o problema, un dos problemas máis graves que ten hoxe o Estado español. Tampouco serve de moito ese eufemismo de definilo como un problema territorial. Mire, é un problema de construción do Estado desde a Constitución de 1978. Desde os gobernos de Zapatero, hai unha estratexia re-centralizadora. Están negando o recoñecemento das nacións e non dan solución, pasan os anos e aquí seguimos.

Pensamos que é preciso separar a situación dos presos da loita política que hai que continuar. Os presos son uns reféns para condicionar ao movemento, para desmotivar e desmoralizar, ese é o xogo do Estado

Nos días previos á Diada escóitanse moitas apelacións á recuperar a iniciativa. Perdeu a sociedade catalá a iniciativa desde o 1-O?
Non perdemos a iniciativa, pero é certo que a represión política si conseguiu un dos seus obxectivos: creou medo. E produciuse unha indecisión que afectou en xeral aos partidos. Agora, como digo, estamos noutra etapa, na da resposta antirrepresiva. Quizá os partidos tardaron en entender que o proceso instigado polos poderes do Estado a través dun tribunal de excepción, imposto, porque tiña que ser un tribunal politizado e implicado na estratexia de represión, era unha nova realidade. Agora os partidos veno... creo que recuperámola iniciativa.

Tamén se fala dunha fenda entre os partidos, de estratexias diferentes inducidas por intereses diferentes... 
A fenda non existe. Superámola. Houbo un momento de indecisión, de desorientación, si; pero é comprensíbel nesa política do medo e cos lideres na cadea. A Assemblea Nacional Catalana traballou xunto co Òmnium Cultural para restablecer unha estratexia política común. E o que se está a consolidar é a loita dun pobo pola independencia, é importante que a sociedade se mobilice, pero tamén é importante que manteña esa conxunción cos partidos, o que implica ás institucións, e que foi a que fixo posíbel o 1 de outubro. 

Non perdemos a iniciativa, pero é certo que a represión política si conseguiu un dos seus obxectivos: creou medo

Hai quen sostén que unha Diada ‘festiva’ será unha Diada máis, perfectamente asumíbel polo Estado, e que sería preciso dotar doutro carácter á mobilización.
Hai que darlle a cada mobilización social o carácter que ten que ter e a Diada non é un acto simplemente festivo... cando menos non o é desde o 2010 en adiante. Ten un claro carácter político. Nin ignoramos nin desbotamos outros tipos de mobilización, mais unha grande mobilización social, masiva, á que acoden as familias, na que se implica toda a sociedade, ten que ser un acto tranquilo. Non pode ser, por dicilo dalgún modo, máis activa, como rodear un parlamento ou outras cousas das que se ten falado. Xa non irían as familias. Sen renunciar a nada, pensamos que non é momento de desvalorizar a Diada.

[Imaxe: ANC] Pep Cruanyes, vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana.Nesa conxuntura de indecisión dos partidos, púxose a sociedade civil por diante dos partidos?
A sociedade civil é o elemento motor. Foi sempre o elemento motor. A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut en 2010 marcou un punto final. Tivemos a convicción de que non hai nada que facer dentro do Estado español, tentárase unha vía de convivencia, un novo marco, e a resposta foi a que foi. Daquela, a iniciativa partiu da sociedade civil e fixo que os partidos mudaran, os partidos cataláns xa non son hoxe o mesmo que eran en 2010. Fronte as vacilacións, a sociedade civil empuxa.

Unha sentencia dura e saídas individuais de enfrontala poden provocar a división?
Pensamos que é preciso separar a situación dos presos da loita política que hai que continuar. Os presos son uns reféns para condicionar ao movemento, para desmotivar e desmoralizar, ese é o xogo do Estado. O xuízo foi unha fabulación dun delito. Verá, o franquismo utilizaba os consellos de guerra e as penas de morte; o actual Estado, un tribunal de excepción que imputa delitos graves que non se cometeron. O franquismo acusaba de rebelión aos reos, cando a única rebelión fora a franquista... agora imputan o mesmo delito. Teremos total respecto pola solución persoal de cada un dos presos despois da sentencia. Serán decisións persoais, pero a loita seguirá.

Desde a perspectiva do historiador, como valora o momento das relacións entre España e Catalunya?
A reacción do Estado diante dun movemento político masivo foi antidemocrática. O que fixo foi criminalizar unha maioría. A ONU e o Tribunal de Dereitos Humanos recoñecen a liberdade de expresión como elemento da democracia, pero non é unha salvagarda para a liberdade de expresión dos afectos ao réxime, éa para as opcións e as opinións disidentes, mesmo as que promovan un cambio do status quo. O Estado que non acepte a diversidade e os debates democráticos carece dos fundamentos básicos da democracia. Cando dicimos que España actúa como Turquía non é unha esaxeración. Hai uns días, un ministro turco destituíu uns alcaldes e ante as críticas xustificouse dicindo: ‘miren, é o que fan en España’. Se atendemos á historia, o Estado español reacciona como a principios do século XX. No 1901, diante das reivindicacións das nacións, reaccionou modificando o delito de rebelión para castigar as expresións contra a unidade da patria. Volveu suceder no 1907 coa lei de xurisdición que estivo vixente até a República. Nos Principios Fundamentais estaba incluída a unidade da patria. O Estado sempre negou a diversidade política e cultural, as nacións. Estamos nese proceso histórico no que o Estado é incapaz de asumir as demandas sociais. E nós témolo claro: non queremos vivir nun Estado que vulnera os dereitos democráticos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/sociedade-civil-elemento-motor-fronte-vacilacions-sociedade-civil-empuxa/20190906122821083801.html


© 2019 Sermos Galiza