Imprimir

A soidade do corredor de fondo

Denís Poupariña | Escribano en Lugoslavia e accionista minoritarísimo do Lugo con moita voz e pouco voto.

Sermos Galiza | 13 de marzo de 2019

 

O pasado venres os afeccionados do CD Lugo semellabamos os máis felices de todo o planeta fútbol. Sen tan sequera saltar ó campo tiñamos tres puntos no peto. O motivo: a xornada comezaba co noso partido contra o Reus, descalificado da competición, circunstancia que nos outorgaba unha vitoria en diferido. Ben é certo que todos os rivais terán ese triunfo no peto antes ou despois, mais ben, por uns días, a responsabilidade era súa. Gañamos! E que importante era facelo logo dunha soa vitoria en case unha ducia de partidos… Aínda que fora máis falsa que un galego usando verbos compostos.

 

Mais o desenlace da xornada veuse enriba nosa. Chegaron o sábado e o domingo para borrar o noso sorriso. O Nàstic, derradeiro clasificado, venceu ó Albacete, candidato ó ascenso, de penalti e no útlimo minuto. Non hai conquista máis motivadora que a que se produce deste xeito. Cunha faca, polas costas e sen dar tempo á resposta. Despois, o 1-0 do Elche contra o Cádiz, o noso vindeiro rival, noutro resultado inesperado para os nosos cálculos. De novo, un candidato ó ascenso perdido na necesidade dos de abaixo.

 

Despois, un 2-0 do Rayo Majadahonda fronte ó Alcorcón. Podía ir peor? Si, o Extremadura, o noso inmediato perseguidor, acendeu a lumeira de Almendralejo para fixar un 3-0 contra outro contricante directo, o Córdoba, o gran damnificado despois desta semana. De todas as equipas implicadas na loita por non perder a categoría, tan só o Real Zaragoza bicou chan contra o Granada. O Tenerife estivo a piques de redondear o noso triunfo máis acedo. Non puido manter a vitoria no Heliodoro e concedeu un empate nos últimos instantes contra o Numancia.

 

O domingo volveu ser o de sempre. Unha merda de xornada na que un se lamenta por terlle dedicado tantas horas a este deporte. Non mellora o cabreo cando collemos a calculadora e comezamos a botar as contas da leteira da salvación. Por iso o mellor é sacudir a memoria. Para lembrar como chegamos a estar en Segunda División, unha categoría que sempre pensamos ver pola TV coma simples espectadores. O noso era a Liga das Cidades. Estar tan preto do pozo fainos valorar de verdade o mérito de ter alcanzado esta cota, sobre todo nun tempo no que a categoría está chea de equipos que teñen deberes por cumprir coa súa historia.

 

Por iso afrontamos cada semana de fútbol como se fora a primeira. Con forzas recobradas para un tramo final de curso que se presenta como unha carreira de fondo na que loitamos por non caer no camiño. Nada de medallas. Só moita suor para que non nos de unha lipotimia que nos leve a Segunda B, onde hai unha serra mecánica que tritura a todo ó que cae e da que é moi difícil sair ó ano seguinte. Unha proba na que queremos competir en soidade, tentando abstraernos do que fagan o resto de competidores, polo menos nos 90 minutos que duran os encontros. Manternos en pé é o fundamental. Que difícil, sobre todo agora, cando ninguén presta axuda aínda que esteas tirado no chan coas tripas por fóra.

 

O parón da farsa do encontro contra o Reus foi o peor que lle puido pasar ó CD Lugo. Foi unha pausa de dúas semanas logo dun empate contra o Real Oviedo a domicilio no que o mellor se deu nos derradeiro tramo. Ese suspiro de vida quedou disolto. O club nin sequera foi capaz de organizar un partido amigable para non perder o ritmo de competición, como si fixeron os seus competidores. Montou un adestramento a porta pechada coa Ponferradina, do que por suposto non deu ningún dato. Non vaia ser que houbera que pagarlle a uns árbitros ou que un conxunto de Segunda B nos pintase a cara como xa fixo en pretemporada. En definitiva, dous encontros pantasma que reconstruimos como puidemos. Contra a escuadra catalana vencimos 1-0. Seguro que con moito dominio, cun tanto espectacular e cunha entrada ó Estadio Miño que superou a mellor das previsións. E ó rival berciano fixémoslle ver quen manda dende na A-6.

 

O calendario queima máis que unha pota ó lume. É mellor vivir nun presente continuo que na seguinte etapa nos leva a Cádiz, a nosa Ítaca, onde acadamos o ascenso a Segunda División hai case sete anos. Fixémolo contra todo pronóstico e na tanda de penaltis. Por que non reeditar a historia? Como nación futbolística pequena que somos, aferrámonos máis que nunca ós grandes fíos da nosa existencia. Á espera de que Monteagudo asuma o papel de caudillo que lle corresponde para espantar dunha vez todas as súas inseguridades. Á espera de que cheguen os goles nas porterías gaditanas coa forza daquela pena máxima de Manu, cuxa celebración foi o momento máis feliz das nosas vidas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/denis-pouparina/soidade-do-corredor-fondo/20190313070153077007.html


© 2019 Sermos Galiza