Imprimir

Protesto en prol do dereito ao aborto e face os recortes, no comezo do ano xudicial

B.V. | 25 de Outubro de 2013

[Imaxes: CIG]
[Imaxes: CIG]

A Plataforma polo dereito ao aborto e a Plataforma galega en defensa dos servizos públicos concentráronse na Coruña, onde o vicepresidente da Xunta --Alfonso Rueda-- e o delegado do Goberno español na Galiza --Samuel Juárez-- inauguraban o ano xudicial do TSXG. Tamén estaba Velaluz, que cumpre dez días en folga de fame.


Esperaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e apareceron o vicepresidente, Alfonso Rueda, e mailo delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez. Porén, os tres teñen responsabilidades no mesmo partido, o PP, artífice da contrarreforma da lei do aborto e dos recortes nos servizos públicos que esta sexta feira denunciaron centos de persoas na Coruña. Aliás, o PP tamén foi sinalado como responsábel de non outorgar "protección real" ás mulleres en situación de violencia machista e ás súas crianzas.

Así as cousas, Rueda e Juárez desprazáronse até a cidade herculina para facer parte do acto de inauguración do ano xudicial do TSXG. Ás portas do Pazo de Xustiza foron 'recibidos' por un sonoro protesto que lles reclamou, dunha banda, medidas para garantir os dereitos sexuais e reprodutivos na sanidade pública galega e, da outra, os recortes "perpetuos" que carrexan canda si os orzamentos da Xunta e do Estado para o ano 2014.

'Nós parimos, nós decidimos'

Con cartaces onde se vían retratados o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón; o presidente español, Mariano Rajoy; o presidente dos bispos españois, Rouco Varela; e o propio Feijóo, mulleres galegas reivindicaron que a interrupción voluntaria do embarazo "sexa retirada do Código Penal" e que se poida realizar na sanidade pública. 

Rexeitaron, aliás, que a información que as mulleres reciben como paso previo a un aborto non proveña dunha entidade antiabortista como é a Red Madre. No lado contrario, reclamaron máis medios para garantir unha educación afectivo-sexual nos centros de ensino, así como que se paralice o desmantelamento dos centros de planeamento familiar, os COF.

O protesto convocouse co gallo da aprobación da contrarreforma da lei do aborto no Consello de [email protected] deste 25 de outubro, que finalmente non se produciu. Porén, as mulleres decidiron aproveitar a presencia de responsábeis políticos da Xunta e de Madrid para lles transladar o seu rexeitamento a esta norma e para lles berrar (case) ao ouvido unha vella demanda: 'Nós parimos, nós decidimos'.

Dez días en folga de fame polo "delito" de "ser mulleres"

Deitadas no chan e sostendo cartaces nos cales se podía ler 'O noso delito é ser mulleres'. Así agardaron polo vicepresidente da Xunta e polo delegado español na Galiza as integrantes da asociación Velaluz que encetaron unha folga de fame o 15 de outubro para exixir "protección real" para as mulleres e para as crianzas en situación de violencia machista.

Denunciaron que, malia teren recibido a visita da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, xa o día 21 e pregándolles que lle transladasen as súas reivindicacións para que se aplique a lei de 2007, de protección contra a violencia de xénero, non tiveron máis noticias da Xunta.

"Non fixemos máis que visibilizar o que miles de mulleres viven nos seus fogares, lonxe da imprensa", recalcou a presidenta do colectivo, Gloria Vázquez. E concluíu sinalando que "o seu silencio --en referencia ao PP-- mata".

'O público é servizo; o privado, beneficio'

Da mesma mobilización ás portas do Pazo de Xustiza da Coruña fixo parte tamén a Plataforma galega en defensa dos servizos públicos. Neste sentido, a coordinadora da Área Pública da CIG, Carmen López, denunciou que tanto os orzamentos da Xunta coma os de Madrid aprobados para o 2014 "perpetúan os recortes nas condicións laborais e salariais que veñen padecendo os e as traballadoras nos últimos anos e afondan no desmantelamento dos servizos públicos".

Aliás, alertou da perda de poder adquisitivo que veñen sufrindo os e as empregadas públicas, que se agudizou en 2010 coa aprobación dun recorte salarial do 5%. A privatización da xustiza centrou tamén as reivindicacións, subliñando que a redución na carga de traballo que se produciu nos xulgados non foi porque a cidadanía non queira denunciar, senón porque facelo "é moito máis custoso".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sonoro-protesto-prol-do-aborto-recortes-nos-servizos-publicos-encetar-ano-xudicial/20131025191637020487.html


© 2019 Sermos Galiza