Imprimir

Suicidio: un problema real, descoñecido e silenciado

Susana Rois | 09 de outubro de 2019

O suicidio é a primeira causa de morte por motivos non naturais.
O suicidio é a primeira causa de morte por motivos non naturais.
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o suicidio é un dos problemas máis graves de saúde pública e debe ser atendido de forma prioritaria. O 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, pon o foco no suicidio.

Cada 40 segundos suicídase unha persoa no mundo. No estado español é a principal causa de morte externa por detrás dos accidentes de tráfico. Tamén na Galiza. En 2017 morreron 323 persoas por este motivo, o que converteu o noso territorio no segundo con maior taxa de suicidio en termos relativos, 12 por cada 100.000 habitantes. En 2018 o número de suicidios diminuíu. Foron 288, a cifra máis baixa desde 2012, que mantén en alerta a comunidade médica e social.

Os suicidios poden previrse, din as expertas, pero trátase dunha encomenda complexa. Previr e intervir en materia de suicidio exixe un enfoque multisectorial integral. Non é só un problema de sanidade. Por iso cómpren protocolos e instrumentos de coordinación entre o sistema sanitario, o sector educativo, o ámbito social, a Administración de Xustiza, os medios de comunicación e as forzas e corpos de seguridade.

Plan de prevención do suicidio na Galiza

Galiza conta desde o ano 2017 cun Plan de prevención do suicidio. O programa consta de 7 liñas estratéxicas e 37 medidas actuación revisábeis co fin de abordar esta conduta na súa integridade, nomeadamente en tres ámbitos prioritarios: o educativo, o penitenciario e os centros de menores.

En 2017 morreron 323 persoas por este motivo, o que converteu o noso territorio no segundo con maior taxa de suicidio en termos relativos, 12 por cada 100.000 habitantes

Parte da comunidade científica cuestiona a súa aplicabilidade ao entender que se trata dun texto demasiado teórico e autocompracente. A súa efectividade, din desde a Asociación Galega de Saúde Mental, depende da dotación de recursos e dunha análise detallada das medidas adoptadas que non se contempla; ademais dun marco xeral que vería dado por un plan estratéxico de saúde mental que tampouco existe.

conecta coa vida 2

Sentémonos a falar do suicidio

Desde a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental da Galiza (FEAFES) apostan por “sentarse a falar do suicidio”. Un convite necesario para informar, formar e capacitar non só profesionais, tamén a cidadanía.

“Urxe cambiar a percepción social sobre o suicidio” asegura Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES. “Falar de suicidio é tan importante como falar de calquera outra dor que poidamos sentir as persoas. O sufrimento psíquico que agochan este tipo de condutas é tan intenso que chega a ser insoportábel”.

Rachar cos estigmas que pesan sobre o suicidio é unha das claves para dar con solucións eficaces. E tamén, apunta Xosé Ramón Girón, “abordar o suicidio de forma integral como problema real de saúde pública”.

“Urxe cambiar a percepción social sobre o suicidio” asegura Xosé Ramón Girón

As asociacións de familiares e de persoas con enfermidades mentais piden mellorar a formación dos profesionais en contacto coa poboación adolescente e, na medida do posible, xeneralizar un modelo que permita axilizar a detección e derivación de condutas suicidas desde a Atención Primaria ás áreas especializadas. “De momento, o Plan de prevención do suicidio é iso, un plan. Mentres non conte cunha memoria económica e o doten de recursos non se poderá trasladar do papel á práctica diaria nin ver se ofrece resultados”.

Conecta coa vida

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, FEAFES lanza a campaña Conecta coa vida, unha iniciativa que incide na necesidade de traballar na visibilización e na prevención do suicidio a través da web conectacoavidagalicia.org. O sitio recolle datos, mitos e falsas crenzas sobre o suicidio, ademais de información de interese sobre factores de risco, sinais de alerta, lugares aos que acudir e o papel necesario dos medios de comunicación.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/suicidio-desconecido-silenciado/20191008173943084933.html


© 2019 Sermos Galiza