Imprimir

Syriza abócase este domingo a unha nova derrota na segunda rolda das municipais

X.M. | 31 de maio de 2019

Alexis Tsipras e Jean Claude Juncker
Alexis Tsipras e Jean Claude Juncker

Syriza, referente noutrora da esquerda rupturista, naufragou o 26M nas eleccións ao Europarlamento. Ficou 9 puntos por baixo da conservadora Nova Democracia. O horizonte da marca liderada por Tsipras presenta negros nubarróns: todos os inquéritos agoiran que será varrida pola dereita na segunda rolda das municipais, a se realizar este domingo 2 de xuño.

Grecia aproxímase imparábel cara a unha viraxe á dereita, após a falida experiencia da rupturista Syriza no poder. Seriamente comprometida a súa acción de goberno pola súa suxeición á ortodoxia de Bruxelas (hipoteca que impediu a Tsipras levar a termo o seu programa alternativo á axenda neoliberal), a formación esquerdista sofreu unha dura derrota o 26 de maio nas eleccións ao Parlamento europeu: cun magro 24 por cento do voto ficou a 9,3 puntos da gañadora Nova Democracia.

 

A queda de Syriza non se traduciu nun incremento das expectativas electorais do KKE, a formación comunista grega que se mantivo nos seus rexistros habituais, por volta de 5,3 por cento (en realidade, tivo un leve descenso a respecto do 6,11 por cento de 2014). Canto ao PASOK, agora integrado na plataforma Movemento pola Mudanza, o seu resultado deixa ver que continúa pasokizado: só conseguiu 7,72 por cento dos sufraxios.

 

O avanzo de Nova Democracia fíxose en parte sobre a base do recúo do fascista Amencer Dourado, que cedeu 50 por cento do seu electorado, ao pasar do 9,39 de hai 5 anos a un exiguo 4,51 agora.

 

En calquera caso, a derrota levou Tsipras —acosado por unha dereita que lle pediu a demisión—a anunciar o adianto das eleccións xerais. Inicialmente previstas para o mes de outubro, finalmente terán lugar o 7 de xullo. Antes delas haberá unha nova oportunidade para o pobo grego se expresar: este domingo vaise realizar a segunda volta das eleccións municipais. Tampouco nos concellos se agardan boas noticias para Syriza e si un novo avanzo de Nova Democracia.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/syriza-abocad/20190531122902080296.html


© 2019 Sermos Galiza