Imprimir

“Temos que afrontar a preparación do Ano Santo 2021”

Redacción | 17 de maio de 2019

Xosé Antonio Sánchez Bugallo foi o alcalde de Santiago desde 1999 a 2011. Posteriormente foi deputado no parlamento galego e agora encabeza de novo a candidatura do PSdeG á alcaldía da capital galega. Considera que os catro anos de goberno de Compostela Aberta foron “mal aproveitados” e sinala a preparación do Ano Santo 2021 como prioridade para o concello.  

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Desafortunadamente foron catro anos mal aproveitados para mellorar a cidade.

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Conformouse con administrar a supervivencia e mellorar a xestión desenvolvida polo anterior equipo de goberno do Partido Popular, absolutamente desastrosa en todos os sentidos.

 

E o traballo realizado polo seu partido?

En condicións moi difíciles, e con gran precariedade, conseguiu desenvolver dun xeito moi digno, un traballo útil para a sociedade.  

 

 Cal é a principal necesidade do seu concello?

A falta de oportunidades, emprego e vivenda para a xente máis nova, e a falta de dotacións axeitadas para atender as e aos máis necesitados: persoas con diversidade funcional, maiores, moitos deles sós, dependencia.... Faltan centros de día e servizos de atención domiciliaria.

Tamén é urxente afrontar o Ano Santo de 2021, porque non está nada preparado.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará na nova lexislatura se está no goberno?

Temos que afrontar, ineludibelmente a preparación do Ano Santo 2021. A día de hoxe non hai nada previsto. Iso require preparar un plan de seguridade, un plan de limpeza, un plan de acollida e atención aos visitantes, promoción nacional e internacional e programación festiva. Todo sen facer.

A maiores, de xeito tamén ineludíbel, temos que afrontar a situación de servizos públicos profundamente deteriorados con contratos vencidos hai anos e improrrogábeis: limpeza e transporte urbano, principalmente.

E como non, dar solucións aos problemas da mocidade, con propostas como a construción de vivendas en réxime de alugueiro para mocidade. Para nós é unha prioridade, igual que a creación de emprego na cidade. Para aqueles que decidan converterse en emprendedores e promover a súa propia empresa imos pór á súa disposición espazos para sacar adiante o seu negocio.

Tamén reforzaremos a atención domiciliaria ás e aos nosos maiores e a quen o necesite, e poremos en marcha tres centros de día en Santiago: un no Ensanche, outro na zona vella, e outro orientado cara ao rural. O noso programa tamén contempla reforzar e ampliar a construción de novas escolas infantís. Cómpre construír polo menos dúas máis: unha para o barrio de Santa Marta que é imprescindíbel e urxente. E sería moi importante outra para o funcionariado da Xunta, para que poidan deixar as súas crianzas alí. Sería unha forma, tanto de prestarlle un servizo a eles e elas como de rebaixar a presión que se está exercendo sobre as outras escolas infantís de Santiago.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/temos-afrontar-preparacion-do-ano-santo-2021/20190516115905079703.html


© 2019 Sermos Galiza