Imprimir

Os tempos da Galiza soberana

B.P. | 23 de abril de 2015

Houbo un tempo no que Galiza era soberana e contaba cos seus reis e raíñas, como García. Oculto pola historiografía española, nel está centrado o A Fondo desta semana, xa disponíbel nos pontos de venda habituais e aquí.

 

Houbo un tempo no que Galiza brillaba co esplendor do primeiro reino de Occidente, da Compostela pola que Europa sentía devoción, da arte románica e da lírica galego portuguesa. Nese tempo está centrado o caderno de análise de Sermos Galiza desta semana, que conta coa participación dalgún dos máximos coñecedores do periodo medieval, como os historiadores Anselmo López Carreira, Ermelindo Portela e J. M. Andrade, ou o ensaísta Camilo Nogueira, que é entrevistado neste número do noso caderniño de análise.

“Recuperar a historia galega é moi destrutivo para o imaxinario oficial do Estado español”, afirma Camilo Nogueira. Na entrevista para Sermos, defende a existencia secular do Reino da Galiza, fronte a aquelas posturas que se centran só na figura do Rei García, que herdou e gobernou durante seis anos o territorio da actual Galicia e norte de Portugal, de maneira separada ao territorios de León e de Castela. Unha dupla perspectiva da que deixamos constancia neste A Fondo. “Pártese -explica Nogueira-, de que non existiu reino da Galiza ou que só existiu durante seis anos. Deberiamos preguntar porque se chama Reino de Galiza até 1833 o que nunca existiu”, explica botando man da ironía.

"Recuperar a historia galega é moi destrutivo para o imaxinario oficial do Estado español”, afirma Camilo Nogueira. Na entrevista para Sermos, defende a existencia secular do Reino da Galiza"

“O derradeiro rei de Galiza”. Así presenta a Don García, dende outro enfoque, o catedrático de Historia Medieval, Ermelindo Portela. “Non é momento de explicar por que, nas primeiras décadas do século II, o curso inferior do Miño mudou nunha fronteira entre reinos. Mais, se o proxecto político do rei García non fose interrompido pola guerra de Sancho e a traición de Afonso, se callar as cousas terían sido diferentes”, apunta.

Cando a historia deturpa

José Miguel Andrade, profesor de Historia Medieval na USC, afonda na ocultación e deturpación historiográfica a que foi suxeito o rei García, que foi presentado como monarca pusilánime. Destaca Andrade os intentos actuais de recuperación da súa figura: “Manuel Rivas ou Darío X. Cabana na literatura e Ermelindo Portela, desde a historia, repuxeron Don García no plano imaxinario e tamén nun discurso histórico actualizado”.

Nesta recuperación do imaxinario ao redor do rei García e dos tempos da Galiza soberana teñen incidido tamén outros autores, como Méndez Ferrín. No A Fondo desta semana reprodúcense o poema que Méndez Ferrín e a canción que Xosé Quintas Canellas lle dedican ao monarca..

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/so-en-papel/tempos-da-galiza-soberana/20150422144418036743.html


© 2019 Sermos Galiza