Imprimir

Todas as vidas de Juan Lago Collazo

Luís Bará | 07 de setembro de 2019

[Imaxe: Arquivo familiar] Juan Lago, á esquerda, con gorra, no campo con nazi de Ebensee.
[Imaxe: Arquivo familiar] Juan Lago, á esquerda, con gorra, no campo con nazi de Ebensee.
Esta é a historia dun rapaz de 20 anos, labrego e sindicalista, que soñaba na primavera galega do 36 cun mundo máis xusto. Que acabou sendo protagonista, sen querelo, de guerras e derrotas, de estadías en campos de internamento e exterminio nos que coñeceu todas as formas do espanto e da degradación humana. Esta é a historia de como sobrevivir ao horror e como sobrelevar a pesada carga do trauma e do pesadelo. Esta é unha dolorosa lección de vida e de dignidade, neste tempo no que as ideas herdeiras daquel fascismo volven percorrer Europa. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_8_FS_DeMemoriaJuan Lago Collazo, Juan da Ferreira, veciño de Paredes (Vilaboa), era secretario da Sociedade de Oficios Varios de Vilaboa. Ese foi o delito que lle cambiou a vida, que lle fixo percorrer entre xullo de 1936 e maio de 1945 un tempo de batallas, de derrotas, de fame, de confinamento e exterminio.

Unha existencia no límite, habitada por todas as formas non imaxinadas do espanto e da ignominia. Un tempo de soños e ideais que ficaron arrombados máis alá dos arames cando o único desexo, a única verdade, a única misión era sobrevivir, que chegase o día seguinte, asistir a un novo mencer.

Nos días finais de xullo prendérono e torturárono para que entregase os libros do sindicato. E pouco despois sobreviviu a unha tentativa de paseo no cemiterio de Ponte Sampaio (Pontevedra). E para seguir vivindo colleu un tren en Redondela para formar parte dun exército que non era o seu, un exército ilexítimo que abandonou para manter a vida e a dignidade. E foi así como sobreviviu ás batallas e ás trincheiras do Ebro e á derrota que veu despois. Levaba con el, prendido na pel, o instinto de supervivencia.

Amaba a vida e a liberdade e a xustiza e non ía renunciar, non ía deixar de loitar. Coa forza desa convición, con esa pulsión primaria, superou a intemperie dos campos de refuxiados en que os franceses recluíron os sobreviventes da derrota. E para aferrarse á vida acabou enrolándose como tenente nun dos batallóns auxiliares do exército francés, coa promesa da nacionalidade gala ao final da contenda recén iniciada. Para el era a maneira natural de proseguir a batalla contra o fascismo que comezara nas trincheiras do Ebro.

Trasladado á fronte de guerra no norte de Francia, foi feito prisioneiro polos alemáns e conducido o 13 de decembro de 1940 desde Estrasburgo ao campo de concentración de Mauthausen, onde estivo preso durante catro anos e medio, até o 5 de maio de 1945.

Para sobrevivir naquel inferno, mudou a súa identidade pola dun compañeiro morto, o cubano Alberto Martínez Sánchez, coa convición de que aqueles documentos eran unha credencial para evitar a deportación a España.

Desempeñou todo tipo de tarefas, traballou nas canteiras e como perruqueiro, formou parte do Comité Internacional do Campo e da precaria resistencia que se foi artellando ao longo dos anos. E seguiu aprendendo a sobrevivir, a completar a dieta con restos de comida, a manter a cordura despois da morte de ducias de compañeiros e de presenciar atrocidades inimaxinábeis.

A finais do ano 1943 foi trasladado a Ebensee, un kommando ou campo satélite de Mauthausen no que viviu dous anos de extrema dureza e viu morrer centos de compañeiros.

[Podes ler a peza íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/todas-vidas-juan-lago-collazo/20190904181537083714.html


© 2019 Sermos Galiza