Imprimir

“Todos estes anos de recortes e deterioro da sanidade pública estoupan agora”

X.M.P. | 09 de xaneiro de 2019

Unha manifestación convocada polo persoal de Urxencias do CHUS discorre na tarde de hoxe en Compostela para reforzar unha folga que fai a súa novena semana en demanda de medios e persoal para o servizo.

O persoal de Urxencias do Hospital Universitario de Compostela (CHUS) fai nove semanas de greve. Demandan persoal e medios para poder prestar unha atención “digna” e “de calidade”. Camilo Agulleiro incide na importancia de asistir á manifestación desta cuarta feira: “Esta non é unha loita por un aumento de salario senón pola dotación de persoal para prestar unha asistencia máis digna aos usuarios”.

 

- Nove semanas de greve e agora manifestación [esta cuarta feira, con saída ás 19:00 horas da Praza Roxa]

- O obxectivo continúa a ser o mesmo, demandar máis persoal e medios para o servizo de Urxencias do Hospital Clínica e poder así prestar unha atención digna e de calidade. Non é unha reclamación retributiva senón de que se debe dotar de persoal aos distintos espazos que se foron creando nestes anos en Urxencias e que só se reforzaron puntualmente. Para iso precisamos o apoio da sociedade e por iso esta manifestación, para ter ese apoio e para que o Sergas recapacite.

 

- Os servizos mínimos de 100% fan, na práctica, que a folga non poida efectivizarse mais as persoas usuarias do servizo de Urxencias si que coñecen as reivindicacións…

- Coñecen e apoian. Estase a facer unha recollida de sinaturas que imos entregar esta sexta feira na Consellería de Sanidade. Cando lle explicas á xente os motivos da protesta, os argumentos e razóns para facela, enténdena e apóiana. Son conscientes de que isto tamén vai con eles pois eles son os que sofren as consecuencias da falla de persoal, cando hai un colapso no servizo…

Hai quen tenta reducir a folga a unha decisión dos sindicatos, cando son os traballadores e traballadoras quen a acordaron en asemblea. Todos os luns, despois das concentracións semanais, o persoal facemos asembleas e aí debátese e tómanse as decisións. Enfermeiros, médicos, auxiliares de enfermería e celadores, todos os grupos de Urxencias. Todos sofren as carencias de persoal. Aquí non estamos a reclamar unha cuestión retributiva, non é unha loita por un aumento de salario senón pola dotación de persoal para prestar unha asistencia máis digna aos usuarios.

 

- Nestas pasadas datas natalicias volveu reproducirse a imaxe de Urxencias do CHUS colapsada, con pacientes en padiola nos corredores…

- É unha imaxe indicativa de moitas cousas, da falla de persoal en Urxencias, de que non hai recursos e camas abondo para sacar os pacientes , do deterioro que se produciu nestes anos en Atención Primaria…

 

- O de Urxencias de Compostela non é o único conflito na sanidade galega, aí está a greve dos PACs, as dimisións de xefes de centro da área de Vigo… semella que os propios profesionais son os que din abonda.

- Isto é o cumio de todos estes anos de deterioro e precarización, do retroceso na sanidade como servizo público. Isto non se fixo do día á noite, produciuse ao longo destes anos nos que houbo un deterioro progresivo, e iso chega un momento que estoupa, que é o que pasa agora, que estoupa. Hai profesionais que levan moito tempo sufrindo acumulación de traballo e as consecuencias dos recortes.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/todos-estes-anos-recortes-deterioro-precarizacion-da-sanidade-publica-estoupan-agora/20190108143717075097.html


© 2019 Sermos Galiza