Imprimir

Os torturadores franquistas que aínda viven

Xosé Ramón Ermida Meilán | 16 de agosto de 2019

[Imaxe: Wikimedia Commons] Unha carga dos grises.
[Imaxe: Wikimedia Commons] Unha carga dos grises.
Os verdugos seguen a ser os grandes ausentes nos estudos sobre a represión. Achegamos unha primeira relación de membros das forzas de seguridade que nas dúas últimas décadas do franquismo participaron activamente na represión dos demócratas galegos.

M_2_DuplaSociedadeA Brigada Político Social acubillou nas súas filas unha boa farte dos represores máis caracterizados dos anos finais do franquismo. Orientada á persecución das organizacións democráticas que combatían o réxime desde a clandestinidade, fundouse en 1941 co nome de Brigada de Investigación Social, seguindo o modelo da policía política da Alemaña nazi, manténdose en activo até 1976.

A BPS, como era coñecida popularmente, conformaba unha sección autónoma dentro do Corpo Xeral de Policía, directamente dependente dos Gobernos Civís e do Ministerio de Gobernación, con presenza na totalidade das cidades galegas e nas súas vilas máis importantes. Se ben a maioría dos seus números concentrábanse nas cidades de Vigo, Ferrol, Compostela e A Coruña, onde a contestación ao réxime era máis forte, contaban tamén con efectivos en Lugo –o caso do “Cacharrón” ou do “Chino”– e en Ourense –o caso de Serxio González ou Xosé Manuel Orbán Sousa–.

A actuación de Orbán Sousa mereceu a atención das publicacións antifranquistas. Segundo sinala Nova Galicia, publicación ligada ao Partido Comunista de Galicia (PCG), no seu número 20-21, a 15 de abril de 1971, son conducidos a comisaría e sometidos a malos tratos diversos militantes das Comisións Campesiñas en Verín, “destacando xa alí o policía Orbán como matón, aprendiz de matón a soldo”.

Os días seguintes son detidos en diferentes localidades e posteriormente maltratados algúns cadros comunistas, sinalándose as torturas recibidas por Carlos Barros. Recolle Nova Galicia que “os policías Xosé Manuel Orbán e Serxio González pegaron repetidas veces aos labregos Norberto Salgado, Serxio Sandoval e Camilo de Dios”, continuando a crónica con referencias á súa participación nos malos tratos, até caracterizalo como “o imberbe señorito Orbán, que levaba pistola e procuraba un estilo como un vaqueiro das novelas de Estefanía; un señor que non sabe facer nada máis que o que fai: humillar e pegar aos nosos traballadores e tentar de vexar os cidadáns”. Orbán Sousa abandonaría pasado ao tempo a policía para desenvolver a súa carreira profesional no ámbito do dereito.

A tortura foi unha práctica habitual na comisaría da Coruña, segundo denunciaron os propios afectados. Os presos políticos detidos nas diversas caídas que afectaron ás organizacións democráticas recoñecen como normal entre os represores o recurso , “as táboas de ximnasia”, método que “obrigaba o detido a permanecer de pé e en posturas forzadas mentres o golpeaban por todo o corpo”, pero tamén “o quirófano”, consistente “en estirar o retido sobre unha mesa mentres se lle peta no estómago e se lle introducen bolígrafos estriados sobre os dedos das mans”. Nesta cidade, segundo recolle o voceiro comunista A voz do pobo no seu número do 23 de xuño de 1971, significaríanse nos labores represivos Benedicto Carballeira Rodríguez, Lino Fernández Gómez, Xosé Luís Rodríguez Losada, Francisco Paradela Castro e Emilio Zunzunegui. Paradela Castro, nado en Ourense, alférez de complemento nas milicias universitarias, presidente na década dos sesenta e setenta da Sociedade Cinexética da Coruña, arredor da cal vertebrou unha rede de delatores, comisario xefe da policía nacional en Monforte de Lemos durante os primeiros gobernos do PSOE e autor nos anos noventa de dous libros ideoloxía neonazi, titulados El talmud: código sagrado y secreto e Cuestiones judeomasónicas o el eterno contubernio.

 

[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/torturadores-franquistas-ainda-viven/20190813142212083074.html


© 2019 Sermos Galiza