Imprimir

Transferencias e autogoberno a debate cun PP en cruzada pola recentralización

A.M. | 25 de Abril de 2019

Na Galiza pagamos as peaxes máis caras
Na Galiza pagamos as peaxes máis caras

Após dez anos de goberno de Alberto Núñez Feixoo, Galiza non obtivo ningunha transferencia de competencias nin de infraestruturas. Co logro acadado polo nacionalismo vasco ao facerse coa súa autoestrada negociando na Comisión permanente do Congreso, Feixoo amosouse disposto a reclamar competencias. Mais ao día seguinte mudou de criterio debido ao anuncio de Casado a prol da recentralización. Coñezamos que opinan as demais forzas políticas en materia de competencias a través dos seus programas electorais.

As transferencias non son prioritarias para o presidente da Xunta de Galiza, quen afirma que a “inmensa maioría” das que se recollen na Constitución xa están realizadas. Mais iso non é certo, e Galiza carece de competencias en materia de tráfico ou en seguridade marítima e segue agardando a que o Congreso queira seguir debatendo a transferencia da AP-9, que foi un acordo unánime de todas as forzas no Parlamento Galego e unha longa demanda a base de mobilizacións e confronto político. Finalmente e pese a ser o BNG quen historicamente defendeu esixir ao Estado a transferencia da AP-9, vetouse a súa participación do pleno do Congreso en que se admitiu a trámite debate.

 

De feito, o debate competencial voltou a protagonizar o último pleno do Parlamento galego, cun Feixoo que conseguiu cero competencias nos seus dez anos de goberno e cun BNG que cargou as tintas no bloqueo da transferencia da xestión da AP-9 e poñendo como exemplo o logro da cesión da AP-68 a Euskadi. Ana Pontón acusou a Feixoo de cambiar de criterio, pois o presidente afirmara que esixiría competencias para Galiza. Porén, no debate do pleno parlamentario, o presidente da Xunta sinalou que o momento actual non é “oportuno” para reclamar transferencias do Estado para Galiza, debido ao auxe do independentismo.

 

Un PP recentralizador que promete paralizar e reverter transferencias

No seu programa electoral para as eleccións xerais, o Partido Popular comprométese a aprobar na vindeira lexislatura unha moratoria para paralizar a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas. Argumentan que nese tempo queren avaliar “o funcionamento do Estado autonómico desde unha perspectiva de eficiencia e equidade”.

 

Nesa liña recentralizadora, optan por estabelecer fórmulas para que “aquelas comunidades autónomas que o desexen” devolvan competencias ao Estado.

 

O BNG pula para que Galiza logre todas as competencias que lle pertencen

Na banda oposta ao PP está o BNG, cargando as tintas na necesidade de Galiza contar con todas as súas competencias. O nacionalismo reclámaas en multitude de aspectos, a iniciar pola materia de relacións laborais, “co obxectivo de que a Galiza teña plena capacidade lexislativa e normativa para estabelecer un marco galego de relacións laborais” e tamén para poder pór en marcha unha renda social básica.

 

O programa recolle a histórica defensa do traspaso AP-9 e AP-53 e a nacionalización destas infraestruturas

 

O programa recolle a histórica defensa do traspaso AP-9 (Ferrol-Vigo) e AP-53 ( Santiago-Lalín) e a nacionalización destas infraestruturas “para acabar co espolio económico que representan actualmente”.

 

Defenden tamén a transferencia das competencias en materia de seguranza social e pensións, co obxectivo de “garantir un sistema sanitario e de atención social ben financiado”. Queren ademais desde a formación nacionalista o traspaso das competencias en materia de seguranza pública, policía xudicial e fiscal.

 

Así mesmo, esixen o traspaso das competencias en infraestruturas de transporte de interese xeral (portos, aeroportos, control de tráfico aéreo e estradas e camiños de ferro que discorren por territorio galego) e a transferencia das competencias en materia de costas.

 

O nacionalismo defende tamén o traspaso para Galiza das competencias sobre as bacías hidrográficas e os servizos de salvamento marítimo e gardacostas.

 

Outras transferencias que defenden son as relacionadas co fomento da industria cinematográfica e audiovisual galegas e dos arquivos, bens e fondos documentais, culturais e históricos, que se achan espallados en diversas institucións e organismos do Estado.

 

O PSOE aposta en recoller na Constitución cales son as competencias intransferíbeis

Baixo o título “A clarificación do reparto competencial”, o PSOE trata no seu programa o modelo de transferencias. Afírmase que “o modelo de reparto derivado da Constitución, con referencias xenéricas e remisión aos estatutos, xerou diversos problemas que deben abordarse” e cita, entre eles, a falla de claridade no reparto “con duplicidades, excesiva conflitividade ao no estar ben definido o marco do reparto e a excesiva intervención do Tribunal Constitucional”.

 

Apostan desta maneira en recoller na Constitución “as facultades concretas do Estado nas distintas materias competenciais, da forma máis precisa posíbel”

 

No programa electoral de Sánchez apostan desta maneira en recoller na Constitución “as facultades concretas do Estado nas distintas materias competenciais, da forma máis precisa posíbel” e sinalan o desexo de deixar por escrito na lexislación que “todo o non atribuído ao Estado pola Constitución é de competencia autonómica”.

 

En Común-Unidas Podemos reclama as transferencias pendentes

O programa electoral de En Común-Unidas Podemos recolle a aposta da coalición por viabilizar as transferencias pendentes.

 

Esixen as referidas á titularidade e competencias da AP-9 e AP-53, as de inspección de traballo, seguranza social...

 

En particular, esixen as referidas á titularidade e competencias da AP-9 e AP-53, as de inspección de traballo e da seguranza social, as transferencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria, así como a de portos de interese xeral do Estado, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña e sanidade penitenciaria.

 

En Marea esixe as competencias pendentes para desenvolver o Estatuto de autonomía

Desde En Marea reclaman no seu programa electoral as competencias en materia de portos, aeroportos, ordenación do litoral, sector pesqueiro, confederación hidrográfica, parques nacionais, así como as referentes a regulación e xestión das bolsas de estudo.

 

Reclaman as competencias en materia de portos, aeroportos, ordenación do litoral, sector pesqueiro,..

 

Comprométense, neste sentido, a efectivizar as transferencias pendentes por parte do Estado para o desenvolvemento do Estatuto de autonomía de Galiza. Defenden ademais reactivar a Comisión Mixta de Transferencias e a Comisión Bilateral de Cooperación do Estado con Galiza, así como viabilizar as transferencias pendentes referidas á AP-9, inspección de traballo, transferencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria, portos de interese xeral do Estado, salvamento marítimo e sanidade penitenciaria, entre outras.

 

Compromiso por Galicia tamén esixe as competencias pendentes

O partido galeguista formula no seu programa para as eleccións xerais a necesidade de Galiza contar coa competencia de portos e autoridades portuarias, como sector fundamental da economía galega. Optan pola transferencia das competencias pendentes en sanidade, como é a formación sanitaria especializada, o control sanitario das baixas e incapacidades laborais e sanidade exterior, así como a participación de Galiza nos órganos encargados da autorización, rexistro e fixación dos medicamentos.

 

Ciudadanos quere rematar coa negociación das transferencias

A formación de Rivera enuncia nos seus compromisos electorais “acabar cos privilexios do nacionalismo” aludindo a que “a igualdade de todos os españois non se negocia”, en referencia aos debates abertos no ámbito competencial. Ademais, prometen rematar co concerto vasco.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/transferencias-autogoberno-debate-pp-cruzada-pola-recentralizacion/20190423105013078467.html


© 2019 Sermos Galiza