Imprimir

Traxedia, solidariedade e valores en tempos de redes (anti)sociais

Laura Novelle | Licenciada en Historia e ex profesora da Universidade de Vigo

Sermos Galiza | 13 de febreiro de 2019

Cando escribo estas liñas, resoan con forza os ecos dunha nova que mantivo en vilo a todo o país: o rescate do meniño Julen Roselló dun pozo en Totalán (Málaga) a mans da Brigada de Salvamento Mineiro. Un suceso que, por desgraza, rematou do xeito máis triste, deixando sen consolo a uns pais que xa perderan outro fillo. Axiña se estendeu nas redes sociais o apelativo de heroes para eses oito homes que durante días loitaron contra todo o que podía saír mal. Mentres duran os traballos, eles restan importancia á xesta e repiten “na mina non se deixa quedar nunca a ninguén”. En definitiva: fixeron magnificamente o que saben facer: non deixar a ninguén atrás.

 

Entre todo o balbordo mediático que espertou o caso, primaron as valoracións emocionais e mesmo un tratamento pouco respectuoso por parte dalgunhas canles de televisión

 

Entre todo o balbordo mediático que espertou o caso, primaron as valoracións emocionais e mesmo un tratamento pouco respectuoso por parte dalgunhas canles de televisión desexosas de obter carnaza a calquera hora sobre un suceso que, a medida que o reloxo avanzaba, se intuía tráxico desde calquera consideración razoable. E non é só unha mera apreciación persoal: o Consello Audiovisual de Andalucía anunciou que estudará o tratamento mediático do caso por unha posible vulneración dos dereitos dos familiares do neno que, lembremos, era menor de idade.

 

Chamoume a atención a falla de contexto e as poucas opinións fundamentadas que se verteron sobre o traballo dos mineiros rescatadores, a situación da familia afectada ou mesmo das características do terreo. Agora resultaba que, ademais de historiadores e adestradores de fútbol, os tertulianos e tertulianas son tamén xeólogos, enxeñeiros de minas e psicólogos de catástrofes cando a actualidade o demanda.

 

Por que só nos lembramos dos heroes cando os precisamos?

 

Nin unha soa palabra sobre a historia da Brigada de Salvamento Mineiro, que, a parte de centenaria, ten outros méritos e atópase nunha complicada situación. Creada en xaneiro de 1912 pola elevada sinistralidade das minas da conca do Nalón, foi Sociedade Duro Felgueraa que propuxo unir varios equipos que ata entón traballaban sen conexión. Tivo a súa sede no hospital desta compañía de Sama de Langreo. A súa primeira intervención produciuse en agosto dese mesmo ano nunha explosión de grisú no Pozo de María Luísa, que daría lugar ao coñecido himno mineiro. Logo de varias reestruturacións e ampliacións, en pleno franquismo pasou a depender da empresa pública Hulleras del Norte S.A (HUNOSA), fundada en 1967. O cese da actividade mineira en España está deixando sen actividade e recursos á Brigada, que pode mesmo desaparecer. Pero ollo: que xa non haxa minas non implica que poidamos prescindir do saber acumulado destes brigadistas. Teñen intervido en rescates en lugares confinados e túneles non exclusivamente relacionados coa minería. Tamén fóra de España: en 2006 colaboraron nas tarefas de rescate dun accidente en Coahuila (México) onde perderon a vida 65 mineiros. Por que só nos lembramos dos heroes cando os precisamos?

 

Tema diferente pero tamén relacionado foi a constante xeración de información sobre o caso nas redes sociais. Esas mesmas redes que se nos venden como máximo expoñente de traballo colectivo e realmente propagan falsidades e constrúen unha falsa seguridade ao noso redor. Como afirma o filósofo Zygmunt Bauman: “O que as redes sociais poden crear é un substituto. A diferenza entre a comunidade e a rede é que ti pertences á comunidade pero a rede perténceche a ti. Podes engadir amigos e podes borralos, controlas á xente coa que te relacionas. A xente séntese un pouco mellor porque a soidade é a gran ameaza nestes tempos de individualización. Pero nas redes é tan sinxelo engadir amigos ou borralos que non necesitas habilidades sociais. Estas desenvólvelas cando estás na rúa, ou vas ao teu centro de traballo, e atopas con xente coa que tes que ter unha interacción razoable”. En efecto: en tempos de redes virtuais, o individualismo é máis acusado ca nunca pola soidade, o egoísmo, a satisfacción inmediata de calquera necesidade e o chamado activismo de sofá, que nos fai crer que é posible telo todo sen facer o máis mínimo esforzo.

 

Convido a ir máis alá e buscar cales son os valores que nos transmite o seu traballo, a súa suor

 

A este punto, respectados lectores, quería chegar: ademais de ver nos brigadistas uns heroes mediáticos facilmente transportados aos altares por parte do sensacionalismo televisivo, eu convido a reflexionar doutro xeito. A ir máis alá e buscar cales son os valores que nos transmite o seu traballo, a súa suor. Deixo falar a un dos mineiros que, antes de baixar a ese pozo maldito para arrincar un corpo minúsculo das entrañas da terra, declaraba isto a un xornalista: “Neste mundo de Internet, big data e intelixencia artificial, para sacar a Julen só vale unha cosa, oíches? Pico e pala, como hai un século. Uns mozos que confían a cegas uns noutros, e que pim-pim-pim van a pico e pala a sacar ao cativo. Aquí nin tecnoloxía nin hostias. É o home contra a pedra, axudado por outros homes. A morte. Porque a pedra vai estar dura, iso xa cho digo eu, que por iso ten custado tantos días chegar ata aí".

 

Solidariedade, colaboración, confianza cega na comunidade, traballo duro, frustración, sentido do deber, compañeirismo e esforzo, moito esforzo, tanto individual como colectivo. Xusto os valores que semellan perder folgos nestes tempos tan acelerados, pero que son os únicos que nos engrandecen e nos permiten progresar sen deixar a ninguén atrás. Porque no mundo actual hai moitas minas e moitas persoas atrapadas nelas (pobreza, desigualdade social e laboral, violencia, migracións forzadas...), aínda que non teñan o aspecto dun pozo. Non busquedes: esta ensinanza de grandeza moral non se aprende en ningunha rede social.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/laura-novelle/traxedia-solidariedade-valores-tempos-redes-anti-sociais/20190212183915076018.html


© 2019 Sermos Galiza