Imprimir

O Tribunal Supremo sinala a Nené Barral como presunto líder dunha rede de contrabando de tabaco de 72 millóns

Sermos Galiza | 02 de novembro de 2019

O auto do Tribunal Supremo continúa unha causa que abriu a xuíza Pilar de Lara, dentro do marco da operación Cebra, que tiraba do fío dunha suposta rede de contrabando de tabaco. O texto sitúa ao ex alcalde de Ribadumia polo PP, José Ramón "Nene" Barral, como cabeza dunha trama de contrabando de tabaco valorado en 72 millóns de euros.

Un auto do Tribunal Supremo cifra en 72 millóns o negocio de contrabando que, supostamente, tería dirixido o ex calcalde de Ribadumia, José Ramón “Nené” Barral. A rede de tráfico de tabaco tería conexións en Estados Unidos, China e outros países a nivel internacional.

José Ramón Barral foi durante 18 anos alcalde do concello de Ribadumia, na comarca do Salnés, amasando maiorías absolutas por Alianza Popular, logo Partido Popular, e despois como independente. En 2001 dimitiu, após ser detido por contrabando de tabaco. O contedor localizárase na Zona Franca de Vigo e a causa, aberta no Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía, aínda non foi resolta. A Fiscalía pide para Barral dez anos de cárcere e unha multa de 15 millóns de euros.

A operación Zebra

O auto do Tribunal Supremo continúa unha causa que abriu a xuíza Pilar de Lara, dentro do marco da operación Cebra, que tiraba do fío dunha suposta rede de contrabando de tabaco. O auto do Supremo acordou remitir á Audiencia Nacional o caso, debido á súa complexidade e á extensión xeográfica da trama. O texto aborda e detalla diversas cuestións sobre a investigación iniciada por de Lara, describindo as ramificacións, conexións e modus operandi da rede que supostamente comandaba Barral.

Durante as dilixencias de investigación levadas a cabo interviñeron o Servizo de Vixilancia Aduaneira, a Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) e a Oficina Europa de Loita contra a Fraude (OLAF). As tres entidades constataron a existencia “dunha organización criminal perfectamente estruturada” dedicada en España ao contrabando de tabaco e ao branqueo de capitais.

Operacións de 72 millóns de euros

Os integrantes da organización criminal estaban dirixidos por “Darío”, pseudónimo do cabeza da rede ao que as investigacións identifican con “Nené” Barral, e levaban a cabo as súas actividades a través de contedores que introducían por distintas vías. As dilixencias apuntan a orixe das partidas, que se localizaron logo das aprehensións de varias partidas de tabaco en Sines (Portugal), Barcelona ou Valencia en 2011, 2012 e 2013.

Nos escritos apúntase que os feitos “están sendo cometidos por unha organización, con membros en distintos lugares de España e diferentes países e que a defraudación cometida repercutiu de forma grave na economía nacional e prexudicou a unha xeneralidade de persoas”.

A maiores faise referencia á complexidade da investigación, ao ter en conta “as dilixencias practicadas e os países aos que se enviaron comisións rogatorias”. Tamén á existencia de indicios claros da comisión de delitos de contrabando de tabaco, falsidade e branqueo de capitais levados a cabo pola organización criminal. “Darío”, o suposto cabeza da trama segundo apunta a investigación, “é residente en Galiza, pero conta coa colaboración de membros desde distintos puntos de España e do estranxeiro”. O valor total do tabaco ilegalmente importado, segundo o documento, “supera os 72 millóns”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/tribunal-supremo-sinala-ao-exalcalde-ribadumia-nene-barral-como-presunto-lider-dunha-rede-contrabando-tabaco-72-millons/20191102130946086208.html


© 2019 Sermos Galiza